Luis López destaca en Ponteareas o potencial de probas deportivas coma a Clásica Álvaro Pino para descubrir o paraíso interior da provincia

22/04/2025

O presidente provincial, acompañado pola deputada e alcaldesa Nava Castro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñeceu o potencial que teñen probas deportivas coma a Sestelo Clásica Álvaro Pino para promocionar o paraíso interior da provincia, obxectivo principal da estratexia de promoción turística do destino Rías Baixas para este ano 2025. O mandatario provincial vén de participar na presentación dun evento deportivo que é unha referencia para os amantes do ciclismo tanto dentro como fóra da provincia. Unha marcha de 129 quilómetros polo corazón da comarca do Condado que consolida á provincia como un destino turístico ligado ao deporte e á sustentabilidade que recibe cada ano o apoio da Deputación a través da liña de subvencións para a organización de eventos deportivos. “Unha nova mostra do potencial do interior da provincia e a consolidación das Rías Baixas como un destino turístico ligado ao deporte e ao territorio”, afirmou López.

Acompañado pola deputada de Turismo e alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o presidente Luis López participou no acto de presentación dunha proba celebrada por primeira vez no ano 1997 e que desde o 2001 rende homenaxe á lenda local do ciclismo e campión da Volta a España en 1986, Álvaro Pino. Unha cerimonia conducida polo xornalista Terio Carrera que serviu para recoñecer a traxectoria de dous exciclistas ilustres neste Concello como Álvaro Pino e Isidro Araújo. A proba celebrarase o vindeiro 25 de maio e ofrece dúas opción de percorrido adaptados ás capacidades de todos os ciclistas. Por unha banda, un trazado curto de 75 quilómetros cun alto de montaña e, por outro, un roteiro longo de 129 quilómetros con catro portos de montaña. “É un percorrido polo paraíso interior das Rías Baixas, pola comarca do Condado, que conta con xoias como o Castelo de Sobroso”, salientou o dirixente provincial.

“Somos a provincia do deporte porque contamos cun territorio privilexiado para a práctica de deportes coma o ciclismo, porque contamos con entidades que destacan polo seu labor como é a Asociación Deportiva Plan C e pola nosa capacidade de organizar eventos como esta proba Sestelo Clásica Alvaro Pino”, enumerou o presidente na presentación dunha proba pola que felicitou á asociación organizadora, Plan C; e á que convidou a asistir, ben sexa para completar o percorrido ou para desfrutar coma espectador. 

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.