Luis López enxalza a gran acollida e o prestixio dos autores do terceiro encontro Pontevedra Literaria, que consolida á Deputación como a casa da cultura da provincia

O mandatario provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado Jorge Cubela, dá a benvida á provincia á escritora Alice Kellen, protagonista desta xornada sobre literatura que volveu encher por segundo día consecutivo o salón de plenos

02/10/2026

Luis López enxalza a gran acollida e o prestixio dos autores do terceiro encontro Pontevedra Literaria, que consolida á Deputación como a casa da cultura da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalza a extraordinaria acollida e o prestixio dos autores que volveu reunir o encontro Pontevedra Literaria, que vén de pechar este venres a súa terceira edición cunha conversa sobre literatura titulada “Voces que chegan” coa escritora Alice Kellen. “Na Deputación canalizamos toda a efervescencia cultural que emana das asociacións, das editoriais, das librarías, dos clubs de lectura ou da mocidade, que cada vez consume e produce máis cultura, para converternos na gran Casa da Cultura da provincia. Ese compromiso, sensibilidade e demanda de cultura de toda a sociedade é a que nos levou hai tres anos a lanzar o primeiro Encontro Pontevedra Literaria”, contextualizou o mandatario provincial para darlle a benvida á autora nun salón de plenos do Pazo provincial que volveu rexistrar por segunda xornada consecutiva un cheo.

A segunda e derradeira xornada do terceiro encontro Pontevedra Literaria Xuventude e Artes tivo como protagonista a Alice Kellen, unha das autoras máis populares da literatura romántica contemporánea en lingua española. “Acompáñanos hoxe unha desas mulleres ás que me refería, unha moza nova, curiosa e amante das letras e das artes que non só consume cultura, senón que a crea e de que maneira. Alice Kellen, benvida a Pontevedra”, presentou López á protagonista da tarde. A escritora conversou coa xornalista Bibiana Villaverde tanto sobre a súa obra e traxectoria, como sobre o momento que atravesa a literatura no país, así como a irrupción de novos autores e a afección da xuventude pola lectura. Unha xornada que contou coa actuación musical da pianista Andrea García e que rematou cunha rolda de preguntas entre a escritora e o público, que volveu encher o foro como na xornada anterior co encontro con Marcos Giralt.

“Vivimos nunha provincia que é unha referencia en calidade de vida. Non só pola nosa riqueza natural, patrimonial ou gastronómica, senón porque tamén coidamos e difundimos a cultura”, explicou López un dos piares da acción de goberno da Deputación. “Pero o noso compromiso coa cultura non queda so neste encontro Pontevedra Literaria. Somos a provincia que custodia a maior colección de autores como Castelao ou Valle-Inclán no Museo de Pontevedra, somos a provincia que impulsa a creatividade da súa mocidade cuns Premios de Xuventude que reciben cada ano máis e mellores propostas literarias; e somos a provincia da Bienal de Arte máis antiga de España”, remarcou o dirixente, para dar paso á protagonista da tarde, Alice Kellen, definindo Pontevedra como “un lugar de conto, un lugar de cine, un lugar de libro... pero, sobre todo, un lugar para desfrutar”.

Galerias de imagenes