Luis López: “Non se poden consentir discriminacións como esta e nós, que somos un goberno municipalista, atendemos as demandas e as necesidades de todos os concellos”
Luis López: “Non se poden consentir discriminacións como esta e nós, que somos un goberno municipalista, atendemos as demandas e as necesidades de todos os concellos”
27/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a Xunta de Goberno provincial acaba de dar luz verde ao expediente de contratación das obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na estrada de Mané a Rebón, en Moraña (EP-0503 Mané-Rebón), cun orzamento de preto de 1,4 millóns de euros.
Luis López sinalou que “deste xeito damos solución a unha vella demanda do Concello de Moraña, que viu como o executivo provincial anterior paralizou esta obra cando xa estaba adxudicada”. O presidente da Deputación asegurou que “non se poden consentir discriminacións como esta e nós, que somos un goberno municipalista, atendemos as demandas e as necesidades de todos os concellos”. O proxecto das obras contempla actuar nun treito de 1,3 quilómetros desta vía co obxecto de renovar o firme, así como mellorar a seguridade ampliando a sección transversal da vía e corrixindo o trazado de varias curvas.
2,7 millóns de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno
Este impulso a unha histórica demanda do Concello de Moraña forma parte dun paquete de medidas aprobado na sesión da Xunta de Goberno desta semana por un valor total de 2,7 millóns de euros para actuar en estradas provinciais dos concellos de Campo Lameiro, Moraña e Silleda. “Unha semana máis contamos con máis e máis recursos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e para avanzar na seguridade dunhas infraestruturas imprescindibles e que deben estar nas mellores condicións”, sinalou Luis López.
