A Deputación leva a Valga este venres o ciclo +Escénicas co “Concerto punkinfantil” de Peter Punk e Brais das Hortas
O espectáculo, para todos os públicos, terá lugar no Auditorio de Cordeiro a partir das 17:00 horas
10/03/2026
A Deputación de Pontevedra leva este venres 13 de marzo o circuíto +Escénicas ao Concello de Valga da man de Peter Punk Pallaso e Brais das Hortas, que ofrecerán o seu “Concerto punkinfantil” no Auditorio de Cordeiro a partir das 17:00 horas. A actuación está enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia e que acaba de ser renovada por un terceiro ciclo cun orzamento de 204.000 euros, aumentando o seu crédito nun 36% desde a súa posta en marcha.
O “Concerto punkinfantil” de Peter Punk Pallaso e Brais das Hortas amosa como un cantante punk e un cantante infantil están condenados a compartir escenario e acaban creando un delirio musical. Tras descubrirse e recoñecerse van confluíndo nun espazo común, dando como resultado este espectáculo musical e de clown para todos os públicos, no que está presente o concepto punk máis alá dos aspectos máis superficiais e acollendo as inquedanzas das cativas e cativos.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e este mes de marzo representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra. A partir do luns 16 de marzo, os concellos terán un prazo de 15 días para facer as súas solicitudes de actuacións que teñan lugar entre abril de 2026 e marzo de 2027.