A Deputación celebra no Museo de Pontevedra o Día Europeo da Arte Rupestre cunha conferencia sobre os gravados prehistóricos do centro de Portugal

A investigadora Sara Garcês falará da arte rupestre do Val do Texo este martes 6 de outubro ás 19:00 h no Edificio Castelao

03/10/2026

A Deputación celebra no Museo de Pontevedra o Día Europeo da Arte Rupestre cunha conferencia sobre os gravados prehistóricos do centro de Portugal

A Deputación celebra no Museo de Pontevedra o Día Europeo da Arte Rupestre cunha conferencia de Sara Garcês, profesora e investigadora da Universidade Politécnica de Tomar, onde coordina a Cátedra de Arqueoloxía Rupestre. Será este martes 6 de outubro ás 19:00 h no Edificio Castelao, co título “A arte rupestre do val do Texo (centro de Portugal) no contexto da arte esquemática da península ibérica: investigación e difusión”. Na súa intervención, a arqueóloga portuguesa situará a investigación e difusión dos máis de 7.000 gravados prehistóricos ao aire libre desta rexión no contexto da arte esquemática da península ibérica.

O Día Europeo da Arte Rupestre celébrase cada 9 de outubro desde o ano 2019, proclamado polo Consello de Europa e a Comisión Europea en homenaxe ao aniversario do recoñecemento pola comunidade científica internacional de autenticidade de arte das Covas de Altamira (Cantabria).

O Complexo de Arte Rupestre do Val do Texo (centro de Portugal) constitúe unha das maiores concentracións de gravados ao aire libre de Europa, con preto de 7.000 figuras preservadas desde o Paleolítico ata a Idade de Bronce. A súa documentación urxente nos anos 1970 mediante moldes de látex resultou decisiva para salvagardar un vasto corpus gráfico ameazado pola construción da presa de Fratel. A secuencia cronolóxica comprende cinco fases diferenciadas, das que salientan un período preesquemático dominado pola fauna silvestre e un longo ciclo esquemático con figuras humanas abstractas, xeometrías e armas. A concentración espacial dos gravados en pasos fluviais e rápidos (cachões) pon de manifesto o uso estratéxico do río como vía de paso e interacción cultural durante milenios. No contexto da arte esquemática da península ibérica, o Texo ofrece un rexistro clave das transformacións simbólicas e socioeconómicas das sociedades prehistóricas.

Sara Garcês é arqueóloga, profesora adxunta na Universidade Politécnica de Tomar e especialista en arte prehistórica. Coordina a Cátedra de Arqueoloxía Rupestre e o Laboratorio de Arqueoloxía Rupestre do Instituto Terra e Memória. Ademais, é subdirectora e investigadora no Centro de Xeociencias de Portugal. Conta cunha extensa produción científica como autora e editora de libros, monografías e artigos indexados no ámbito da arte rupestre e lidera múltiples proxectos de investigación ao aire libre e en covas nacionais e internacionais en países coma Portugal, España, Croacia, Turquía, Reino Unido, Colombia, Brasil e Sudáfrica. O seu labor investigador céntrase en aplicar as novas tecnoloxías ao estudo da arte rupestre e abrangue áreas coma a intelixencia artificial, a arqueometría e a documentación dixital en 2D e 3D. Actúa como experta para organismos internacionais, cos que participa na avaliación de candidaturas a patrimonio mundial da Unesco para o Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS, polas súas siglas en inglés), e forma parte do Comité Científico da Ruta Cultural do Consello de Europa PRAT-CARP. Así mesmo, é fundadora e editora da revista especializada 1902 Committee News Series e directora da publicación científica Antrope.