A Deputación pon música aos textos de Castelao da man dun concerto do cuarteto de frautas deBiselas no Museo de Pontevedra
O concerto ‘Ecos de Castelao’ será o martes 29 de setembro ás 19:00 horas
27/09/2026
Este martes 29 de setembro ás 19:00 h no Edificio Castelao, o Museo de Pontevedra programa un concerto de deBiselas. O cuarteto de frautas propón en ‘Ecos de Castelao’ unha reinterpretación de textos do artista extraídos de Cousas, Os vellos non deben de namorarse e Sempre en Galiza, que combinan con composicións de Carlos Gardel, Warren Barker e a Lela de Rosendo Mato.
O cuarteto de frautistas deBiselas é un colectivo multidisciplinar que fusiona nos seus concertos o sonoro, o plástico e o literario. Está formado por Sabela Galbán, Carlota Salgado, Valeria González e Bea Rodríguez. Naceu na primavera de 2016, cando as súas catro fundadoras estaban en vías de finalizar os seus estudos de Frauta no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
Trátase dun proxecto que quere dar a coñecer a frauta travesa a través da súa sonoridade en ensemble. Ofrecen un programa no que a diversidade ten un papel moi importante: formacións de dúo, trío e cuarteto con repertorio que abrangue obras compostas no período Barroco, no clasicismo, no Romanticismo, en pleno século XX e tamén no momento presente.
