A Deputación leva este domingo ata Silleda un concerto de Mallou enmarcado no programa provincial +Música

O concerto terá lugar o domingo ás 12:00 horas na Praza do Siñor Afranio da localidade dezá

16/05/2026

A Deputación de Pontevedra leva o domingo 17 de maio ata Silleda a terceira edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. Nesta ocasión, este domingo ás 12:00 horas na Praza do Siñor Afranio da vila terá lugar un concerto de Mallou.

Mallou, integrado por Sabela Bello e Benjamín Vázquez, presenta un proxecto sutil, contido e intenso, conxugando temas propios con clásicos da música popular galega: Amancio Prada, Xoán Montes Capón, Suso Vaamonde ou Fran Perez “Narf”, entre outros. Na súa maneira de crear percíbense como as diversas influenzas musicais, xunto coas súas sensibilidades, pasan a formar parte dunha viaxe sonora que mestura elementos clásicos con ouros máis modernos.

O concerto de Mallou é unha das 93 actuacións de +Música que este ano terán lugar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.