A Deputación leva ao Palacete das Mendoza a exposición “O derradeiro trazo de xiz” de Miguel Muñiz

A mostra, que está dispoñible para o público ata o 9 de decembro, presenta fotografías centradas nas escolas rurais galegas co obxectivo de recuperar a súa memoria

22/11/2026

A Deputación de Pontevedra ten aberta a exposición “O derradeiro trazo de xiz”, de Miguel Muñiz. Na mostra, que se pode visitar na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, ata o 9 de decembro, Muñiz presenta a través de 50 fotografías e unha peza audiovisual un mapa visual das escolas rurais galegas co obxectivo de recuperar a súa memoria.

Muñiz, fotógrafo documentalista vinculado ao fotoxornalismo desde fai máis de 30 anos, emprega a luz, elemento clave da fotografía, para construír unha historia das persoas que habitaron as escolas rurais galegas. Deste xeito, o fotógrafo leva anos percorrendo a xeografía galega na procura de vestixios de escolas rurais abandonadas a mediados do século XX. Unha pizarra, un caderno ou, ás veces, un vello escritorio convértense nos únicos vestixios que constrúen a memoria das escolas rurais.

As imaxes da mostra recordan unha poboación que buscaba na educación dos seus fillos unha porta de entrada a un futuro mellor. As carencias educativas derivadas da dispersión da poboación foron compensadas por unha experiencia escolar e vital nun ambiente familiar. Coa aplicación da Lei Xeral de Educación de 1970 intensificouse a concentración escolar e comezou unha migración de nenos e nenas cara grandes núcleos poboacionais en detrimento da cultura rural tradicional o que supuxo o comezo do fin das escolas rurais.

A exposición “O derradeiro trazo de xiz” pode visitarse no horario habitual da sede de Turismo Rías Baixas: de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas, en horario continuo, os sábados e festivos en horario partido de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e os domingos en horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas. A mostra pecharase o 9 de decembro.