A Deputación inicia esta semana trece novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo

Máis de 260 veciños de dez concellos comezarán esta semana actividades relacionadas coa cociña saudable, a ximnasia de mantemento, as plantas medicinais, a informática, a memoria, o canto popular e a musicoterapia

19/09/2026

A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana, entre o luns 21 e o xoves 24 de setembro, comezarán trece novas accións en entidades sociais que mobilizarán un total de 264 veciños de dez concellos da provincia: A Estrada, Forcarei, Lalín, Nigrán, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Desta maneira, este luns 21 de setembro 18 persoas da Asociación de Jubilados de Vilalonga (Sanxenxo) comezarán o curso de ximnasia de mantemento, 21 da Asociación Cultural e Deportiva Cidadelle (Redondela) o de cociña saudable e iniciarán o mesmo curso outros 25 integrantes da Asociación de Vecinos O Piorno (Vilagarcía de Arousa). Tamén o luns, 25 persoas da Asociación de Vecinos La Camoesa de la parroquia de Camos (Nigrán) comezan un curso de plantas medicinais e outras 21 da Asociación de veciños A Gaiola de Castro (A Estrada) un de informática básica.

Por outra banda, o martes 22 de setembro un grupo de 21 persoas da Asociación Cultural Veira do Rio de Pontesampaio (Pontevedra) inician un obradoiro de conservación da memoria; 18 da Asociación de Veciños Joaquín Loriga de Prado (Lalín) o de informática básica; e 25 persoas da Asociación O Can de San Roque (Forcarei) o de pandeireta e canto popular.

O mércores 23 de setembro un grupo de 15 persoas da Asociación de veciños de San Pedro de Matamá A Unión (Vigo) comeza unha acción formativa de informática básica, do mesmo xeito que outras 15 persoas da Asociación de Vecinos Ntra Sra de las Nieves (Vigo). Finalmente, o xoves 24 de setembro comezarán outros tres obradoiros: un de cociña saudable con 22 persoas da Asociación de Veciños de Beade (Vigo), outro de conservación da memoria cun grupo de 19 persoas da Asociación veciñal e cultural de Moreira (Soutomaior) e outras 19 da Asociación cultural Moreira a tope (Soutomaior) comezarán o de musicoterapia.

A Deputación ofertou neste 2026 un total de 25 obradoiros no catálogo de Provincia Activa divididos en seis bloques temáticos ‘Benestar natural’, ‘Saúde en movemento’, ‘Emociónate’, ‘Outra vida’, ‘Con ritmo!’, ‘Redeir@s’ e ‘Cerebro activo’. Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 210.000 euros e desfrutarán dos obradoiros 160 entidades de 44 concellos da provincia.