A Deputación de Pontevedra incrementa en máis dun 30% os recursos destinados ao deporte, que ascenden no 2027 a 11,2 millóns de euros

Os recursos previstos para o 2027 permitirán á institución provincial avanzar na máxima de converter Pontevedra na provincia do deporte

15/11/2026

A Deputación de Pontevedra incrementa nun 30% os recursos destinados ao deporte, que ascenden no 2027 a 11,2 millóns de euros. A vicepresidenta provincial e deputada delegada do servizo de Deportes, Luisa Sánchez, remarcou que con estes recursos “avanzaremos na máxima de converter a Pontevedra na provincia do deporte, nun grande estadio para a práctica de todas as modalidades deportivas”.

Luisa Sánchez subliñou que ademais de incrementar os recursos no 2027 lanzarase a segunda edición do Plan de Equipamentos Provincia do Deporte - ProDeporte, destinado á mellora das infraestruturas deportivas de titularidade non municipal, que contará cun orzamento de 1,8 millóns de euros. Xunto a esta liña de axudas, renovaranse as axudas DepoVan, para adquisición ou adaptación de medios de transporte, que pasa do millón de euros a 1,1 millóns de euros. Ademais, a vicepresidenta destacou que medrarán un 20% as axudas a bens e servizos e un 40% a liña de axudas dirixida aos deportistas de elite da provincia, que pasa do medio millón de euros aos 700.000 euros. Luisa Sánchez tamén fixo mención á posta en marcha da Copa de fútbol sala Deputación de Pontevedra ou ao impulso dun novo circuíto de BTT Entre Pontes que se suma aos creados este ano de trail e running.

Por outra banda increméntase ata nun 41% o capítulo dirixido á organización e desenvolvemento de eventos deportivos. Continuarase impulsando a Cátedra do Deporte, da man da Universidade de Vigo, cun orzamento de 50.000 euros previsto, e destinarase 1,6 millóns de euros ao deporte de ámbito estatal e aos clubs náuticos, aos que hai que engadir os 700.000 dirixidos ao deporte de ámbito inferior a estatal.

Ademais, aos 11,2 millóns de euros dirixidos ao servizo de Deportes hai que sumar os 8 millóns de euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que vai pola súa cuarta edición e está dirixido a mellorar os equipamos deportivos ou impulsar novas dotacións nos concellos de menos de 50.000 habitantes, ou recursos para a modernización de instalacións propias como o pavillón de Príncipe Felipe, dotado con máis de 2,5 millóns de euros.

Co orzamento previsto para o vindeiro ano, a vicepresidenta subliñou que serán máis de 35 millóns de euros os recursos dirixidos pola Deputación de Pontevedra ao fomento do deporte. Neste eido, Luisa Sánchez recordou que con estes fondos públicos impulsáronse axudas para o deporte de ámbito estatal e inferior ao estatal, para os equipos e deportistas de elite, para patrocinar probas deportivas, para clubs de deporte náutico, para adquirir ou adaptar vehículos, para bens e servizos e para a organización de competicións e eventos deportivos. Tamén para O Noso Club, para o programa DepoComparte, para impulsar a formación das mulleres no ámbito deportivo, para poñer en marcha a Cátedra do Deporte coa Universidade de Vigo ou para o programa +Talento Motor.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.