Luisa Sánchez empraza a Xunta e AENA a iniciar en setembro as reunións para impulsar o Pacto por Peinador
A vicepresidenta da Deputación obtivo unha resposta favorable á súa proposta de destinar 200.000 euros durante o primeiro ano de cada nova ruta no aeroporto de Vigo
25/08/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, emprazou a Xunta de Galicia e AENA a iniciar en setembro as reunións precisas para impulsar o Pacto por Peinador que propuxo hai dúas semanas co obxectivo de reactivar o aeroporto de Vigo.
A representante provincial na cidade olívica informou de que tanto Xunta como AENA responderon favorablemente ás cartas nas que propoñía promover un acordo institucional co reto común de captar rutas aéreas na terminal viguesa. “En ambos casos responderon con plena predisposición para sentarnos e trazar unha senda de recuperación en Peinador”, explicou a vicepresidenta, que considera que os casos de negocio xa analizados (París, Londres, Ámsterdam ou Milán) constitúen “un punto de partida idóneo”.
As reunións previstas para setembro permitirán concretar os seguintes pasos para a captación de novas conexións, aproveitando as achegas previstas por cada administración. Neste sentido, Luisa Sánchez remarcou o compromiso da Deputación de Pontevedra, que contempla destinar 200.000 euros para promoción en orixe durante o primeiro ano por cada nova ruta aberta en Vigo.
“É unha aposta concreta, con recursos fixados e cunha meta moi clara: que Peinador teña máis e mellores conexións”, afirmou Luisa Sánchez, quen recoñeceu que a recuperación da actividade do aeroporto “non será unha tarefa doada”, pero subliñou a existencia dunha “forte vontade” por parte das administracións implicadas para avanzar cara a un obxectivo común. Neste sentido, tamén advertiu da necesidade de escoitar aos axentes económicos e empresariais.
A vicepresidenta provincial instou, ao mesmo tempo, a todas as institucións involucradas a sumarse a este consenso. Neste sentido, mantivo o seu convite ao Concello de Vigo malia que o alcalde, Abel Caballero, non contestase ata o momento á proposta formulada para participar no Pacto por Peinador.
Luisa Sánchez contrapuxo a posición do rexedor local ao acordo alcanzado no aeroporto de Lavacolla-Rosalía de Castro, onde Concello de Santiago, AENA e Xunta de Galicia colaboraron para captar novas rutas a través da aeroliña Wizz Air sen subvencionar á compañía. “Os aeroportos funcionan mellor cando as administracións colaboran”, afirmou a vicepresidenta, quen asegurou que a Deputación de Pontevedra seguirá traballando para que Peinador “teña a posición que lle corresponde”.
