A Deputación afonda na loita colectiva das leiteiras de Pontevedra no segundo faladoiro de “Aquí faltan páxinas”

Xiana Iglesias foi a encargada de impartir a charla, enmarcada na programación do 8M da institución provincial “Seguimos con todas e para todas”

07/03/2024

Segundo faladoiro deAquí faltan páxinas 2024

As leiteiras de Pontevedra foron un exemplo de triunfo da unión entre mulleres e esta tarde protagonizaron no Pazo provincial unha nova entrega do programa da Deputación "Aquí faltan páxinas". Este segundo faladoiro do programa, que correu a cargo de Xiana Iglesias, forma parte da programación "Seguimos con todas e para todas", deseñada pola institución provincial para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, "e reafirmar o noso compromiso irrenunciable coa igualdade", afirmou a deputada de Igualdade, Sandra Bastos.

O faladoiro, que vai acompañado dun podcast do que se pode gozar desde hoxe tanto na web da Deputación coma en Ivoox e Spotify, lembrou a unión destas leiteiras, que chegaban cada día desde o rural a Pontevedra para vender o leite polas casas e que tiñan que facerlles fronte ás taxas municipais impostas polo concello en xullo de 1892. Daquela foron quen de organizarse nun movemento subversivo ao que se lles sumaron tamén as vendedoras de legumes, froitas e peixe, as clases populares e as forzas opostas ao poder.

Como asegurou Sandra Bastos, "elas amosaron como ninguén a capacidade de autoorganización e cohesión, e como un movemento popular de base feminina rematou por tornarse nunha cuestión colectiva. Tamén como o rural e o agro das parroquias posuía, xa daquela, un enorme potencial". A pesar diso, non se lles recoñeceu o papel fundamental que xogaron nas reivindicacións do agro, nunha loita na que acadaron logros para o ben común de toda a sociedade galega.

A segunda colección do programa "Aquí faltan páxinas", que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano e continuará ao longo de todo 2024 coas vidas da física Inmaculada Paz Andrade; a escritora Avelina Valladares; a política e activista Urania Mella; a combatente María Araujo; a raíña Urraca I de León, a Temeraria; as madriñas de San Simón; a pintora Mercedes Ruibal; a música María Pardo; a fotógrafa Mary Quintero;  e a mestra e guerrilleira Placeres Castellanos.

Galerias de imagenes

videos