A Deputación aproba a adxudicación da xestión do programa +Xuntas durante os próximos dous anos por preto de 700.000 euros
O presidente da Deputación lembrou que xa están aprobados os 207 obradoiros que terán lugar este ano para entidades de 53 concellos da provincia
24/04/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu visto bo á adxudicación da contratación do programa +Xuntas durante os anos 2026 e 2027, cun investimento de preto de 700.000 euros. O presidente Luis López informou de que o programa ofrecerá “cada ano máis de 200 obradoiros para federacións e fundacións sen fins de lucro da provincia que apoien o desenvolvemento das mulleres”.
O presidente da Deputación lembrou que xa están aprobadas tamén as formacións que terán lugar durante este ano 2026, “un total de 207 obradoiros que chegarán a colectivos de 53 concellos”. Cada un deles puido escoller unha acción formativa do catálogo do programa, que inclúe opcións encadradas en catro categorías: +Tecnoloxía, +Creatividade, +Natura e +Saúde.
Luis López tamén sinalou que outros dos obxectivos deste programa son “crear redes de apoio onde poder compartir experiencias e estreitar os vínculos entre elas”, xa que están destinados a grupos de arredor de 25 participantes. Cada formación terá unha duración de 35 horas e incluirá un módulo específico de sensibilización sobre igualdade, ademais de estar integrada de xeito transversal en todos os contidos.
Luis López asegurou que “damos un novo impulso á igualdade nesta provincia”, unha das prioridades do goberno provincial, para así “apoiar as mulleres e o tecido asociativo, que son actores fundamentais para que esta provincia poida avanzar e ter futuro”.
