Luis López anuncia o reparto de 240.000 €, 40.000 máis que no 2025, para que que as entidades sociais avancen no fomento da igualdade
As axudas, distribuídas en réxime de concorrencia competitiva, van dirixidas a 45 entidades, cinco máis que o pasado ano, de 15 concellos da provincia de Pontevedra, con contías que oscilan entre os 2.000 e os preto de 6.800 €
19/06/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a distribución por concorrencia competitiva das axudas dirixidas a entidades sociais sen fins de lucro da provincia para que avancen no fomento da igualdade e na loita contra a violencia de xénero. En total, tal e como explicou o presidente provincial, beneficiaranse desta liña provincial, que ascende a 240.000 euros, 40.000 máis que no 2025, 45 entidades, cinco máis que o ano pasado, de 15 concellos da provincia.
“A igualdade é un dos grandes eixos de traballo deste goberno provincial e hoxe amosamos, unha vez máis, que somos un goberno comprometido coa igualdade e a loita contra esa lacra social que é a violencia de xénero”, manifestou Luis López.
As entidades recibirán axudas que oscilan entre os 2.000 e os 6.800 euros e, con estas contías, poderán impulsar proxectos e actividades de sensibilización e prevención da violencia de xénero ou de atención integral ás vítimas; programas para mulleres en situación de vulnerabilidade; iniciativas para favorecer a igualdade ou para crear redes e servizos de apoio; programas para mellorar a formación e a inserción laboral das mulleres e tamén campañas de difusión e sensibilización.
