A Deputación reúne nas Xornadas de Educación do Museo de Pontevedra iniciativas de entidades de León, Madrid, Málaga, Asturias, Alacante, Murcia e Galicia
Amplíase ata o 12 de maio o prazo para presentar propostas de comunicacións de experiencias e investigacións
04/05/2025
A Deputación organiza a cuarta edición das Xornadas de Educación do Museo de Pontevedra que reunirá os próximos 29 e 30 de maio na cidade museos, universidades, colectivos e asociacións culturais de León, Madrid, Málaga, Asturias, Alacante, Murcia e Galicia. A programación inclúe a presentación de comunicacións, para as que se amplía ata o 12 de maio o prazo de envío de propostas.
O programa das xornadas, co título “Museos e comunidade: xerando sinerxías”, inclúe dúas conferencias. Luis Grau, director do Museo de León e referente da museoloxía en España, abrirá o bloque dedicado ao papel dos departamentos de educación na construción da comunidade. Pola súa parte, Rosa María Hervás, coordinadora de investigación do Comité para a Educación ea Acción Cultural de ICOM Internacional e profesora da Universidade de Murcia, pronunciará a conferencia do bloque dedicado a “Arte, deseño e patrimonio: experiencias educativas de colaboración”.
Na programación desenvolveranse tres mesas redondas, seguidas de cadanseu coloquio. A do xoves pola tarde, centrada no papel dos museos, contará coa participación de Ana Moreno, do Museo do Prado; Encarna Lago, da Rede Museística Provincial de Lugo; e Gema Sala, do Museo Arqueolóxico de Alacante. O venres pola mañá, Begoña Paz, da Universidade de Vigo; Beatriz Martíns e Yolanda Riquelme de La Liminal (Madrid) e Andrea Rubio de LAINOPIA (Asturias) falarán de experiencias educativas de colaboración. E o venres á tarde, na mesa redonda sobre “Axentes culturais: novos retos nunha sociedade en cambio”, intervirán David Burbano e Roy Laguna, de La Casa Amarilla (Málaga), Ana Barreiro e África Martínez, de Taller Abierto (Pontevedra) e Alba Cacheda, da Asociación de Mediadoras Culturales de Madrid.
Amplíase o prazo para comunicacións
As xornadas están abertas á participación, mediante o formato de comunicación, de investigadoras e investigadores, profesionais do sector e estudantes de disciplinas relacionadas. O prazo para presentación das comunicacións acaba de ampliarse ata o 12 de maio, mediante o envío dun resumo e un breve currículo a través do correo electrónico educacion.museo@depo.gal.
As comunicacións abordarán experiencias prácticas ou investigacións relacionadas cos temas que se tratarán nas xornadas: “O papel dos departamentos de educación: construíndo comunidades”, “Arte, deseño e patrimonio: experiencias educativas de colaboración” e “Axentes culturais: novos retos nunha sociedade en cambio”. Toda a información pode consultarse no espazo web https://museo.depo.gal/xornadas-educacion.
As xornadas son un foro de debate no que coñecer experiencias novidosas e xuntar as perspectivas de profesionais dos museos e do ámbito educativo, investigadores e estudantes sobre o papel dos museos na sociedade. O evento tratará de erixirse como un lugar de encontro e intercambio de coñecementos e inquedanzas arredor do reto de ofrecer unha oferta cultural que responda ás necesidades dunha sociedade plural e cambiante. Esta edición pecharase cun concerto a cargo do Coro Infantil e Xuvenil Luis García Limeses, acompañado de Dana Rey (violín), Elsa Pidre (violonchelo) e Isabel Pérez (pandeireta).
