Alcanforeiro do castelo de Sobroso
- Especie: Cinnamomum camphora (L.) Siebold
- Familia: Lauraceae
- Localización natural: Asia tropical, Malaisia, Taiwán e Xapón
- Idade: arredor de 50 anos
- Porte: 20,10 m
- Tronco: 1,60 m
- Copa: 22,30 m
- Concello: Ponteareas
- Parroquia: Vilasobroso
- Lugar: castelo de Sobroso
- Altitude: 333 m s. n. m.
- Coordenadas: 42º12´21,23´´N; 8º27´49,56´´W
- Propietaria/o: Concello de Ponteareas
Historia
O castelo de Sobroso foi construído para controlar un punto clave nas comunicacións entre as terras do interior e o mar. Formaba parte dun sistema defensivo que protexía a medieval terra de Toroño. Está situado no antigo San Martiño de Portela e o seu nome provén das sobreiras que rodeaban o lugar.
Non se sabe con certeza a data de orixe do castelo, pero a referencia documental máis antiga é de 1095. A súa historia está ligada a feitos coma o cerco de Dona Urraca en 1117, quen escapou a través dun túnel subterráneo. Durante os séculos xii e xiii foi controlado polos Traba e despois, no século XIV, pasou a mans da familia Castro.
No século XIV, a familia Sarmiento gañou poder tras a vitoria na batalla de Porto de Bois, e fíxose co control do castelo en 1379. A partir de aí comezaron os conflitos cos Sotomayor e o castelo cambiou de mans ao longo dos séculos, e finalmente foi residencia dos Sarmiento.
A fortaleza, destruída tras as revoltas Irmandiñas, perdeu a súa función defensiva e converteuse en residencia até o século XVII, cando foi abandonada. No século XIX quedou en ruínas e en 1923 adquiriuna Alejo Carrera, quen a restaurou. En 1981 o Concello de Ponteareas comprou o castelo e desde 1995 realizáronse novas restauracións.
Hoxe, o castelo e o espazo natural que o rodea atópanse ben conservados. Están abertos ao público e ofrecen visitas guiadas.
Contorna
O alcanforeiro do castelo de Sobroso medra nun lugar privilexiado da praza de armas, fronte á entrada principal, e constitúe unha parada obrigatoria para todas as persoas que visitan o castelo. Ten un tronco de grandes dimensións e aséntase sobre un gran promontorio basal formado polos cordóns radicais, que se atopan parcialmente descubertos. Comeza a ramificarse a case dous metros de altura, con grandes ramas que se distribúen radialmente ao redor do tronco para formar unha ampla cruz que dá lugar a unha gran copa globosa e volumétrica.
A notable dendrometría do alcanforeiro indica que se trata dun exemplar de avanzada idade, un aspecto importante á hora de consideralo para a súa catalogación e preservación como monumento vexetal.
