SOBREIRAS da necrópole da capela dos Martores
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Altura: 16,8 e 18,9 m
- Perímetro basal do tronco: 3,8 e 3,9 m
- Perímetro do tronco (1,30 m): 3,4 e 3,5 m
- Diámetro da copa (dm x dm): 18,7 x 14,1 m e 20,2 x 12,8 m
- Idade estimada: entre 200 e 300 anos
- Concello: Valga
- Parroquia: San Miguel de Valga
- Lugar: capela dos Martores
- Coordenadas de Google: 42.689594, -8.615528
Resolución do 14 de novembro de 2023 pola que se fai pública a inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras co código 168A.
HISTORIA
Trátase de dous exemplares de sobreira de grandes dimensións situados ao carón dunha vella necrópole anterior á cristianización, sobre a que se construíu a capela dos Martores, que data do século xvii e consta de planta rectangular e muros de cachotería, agás o da portada, que é de perpiaños. Localízase xunto ao trazado dun antigo camiño sagrado, que actualmente coincide coa Vía Mariana Luso-Galaica; nas inmediacións atópanse unha fonte con fama de ser milagreira, un cruceiro, dous muíños, unha cruz e unha pontella sobre o río Valga.
No lateral sur da capela dos Martores, baixo as copas das sobreiras e case pegados ao muro desta, aparecen dous sartegos, a ras de chan e semisoterrados. Ambos están realizados en granito e o seu oco interior é antropomorfo.
Este xacemento foi explorado superficialmente por M. Chamoso Lamas, quen revela a existencia da necrópole e doutros posibles restos correspondentes a un momento situado entre o período baixo romano (ara e tumbas de tegulas) e o alto medieval (sartegos antropomorfos e tapa de estola), o cal podería datarse, de modo xenérico, entre os séculos iii-iv ata o vii-viii d. C.
Segundo a teoría do bispo José Guerra Campos, natural de Ames, no seu traballo Exploraciones arqueológicas en torno al sepulcro del Apóstol Santiago, de 1982, sinala o lugar dos Martores como a localización máis posible para o enterramento de Prisciliano, figura destacada no cristianismo primitivo e coñecido principalmente como líder dun movemento relixioso chamado priscilianismo. No 385 d. C. foi condenado polas autoridades eclesiásticas e executado, co que se converteu nun dos primeiros casos rexistrados de execución por herexía. Posteriormente, foi considerado mártir. Os Martores pode ser unha reminiscencia da toponimia dos Mártires, nome co que se coñecía aos mortos en Tréveris.
CONTORNA
A contorna da capela dos Martores é na actualidade un gran val agrario dominado por grandes extensións de praderías e plantacións de millo atravesadas polo río Valga. Ata non hai moito, as veciñas e veciños dos Martores usaban as cortizas das sobreiras para facer colmeas e tapóns de botellas para o viño.
Como na actualidade non se quita a cortiza, esta vese colonizada por unha gran variedade de especies vexetais (lique, musgos, fentos, couselos...).
Aínda que as sobreiras non son moi abundantes nesta zona, pódense atopar algunhas formacións asociadas á arquitectura relixiosa. Exemplos disto son a ermida dos Milagres de Requián (A Estrada) ou o convento de Santo Antonio de Herbón (Padrón). A imaxe de grandes sobreiras plantadas nos adros de igrexas e capelas é xa unha composición estética característica de Galicia, polo que a protección destas árbores debería ser, cando menos, igual á das edificacións.
Estes dous exemplares de sobreira son, sen lugar a dúbidas, as árbores máis representativas do concello de Valga.
