A Deputación convértese na terceira deputación provincial de España, despois de Valencia e Granada, en formar parte da Spain Convention Bureau

A directora de Turismo, Romina Fernández, acaba de participar na asemblea anual deste organismo da FEMP celebrada en Las Palmas de Gran Canaria onde presentou a candidatura da provincia e deu a coñecer a súa oferta enfocada ao turismo MICE (Reunións, Incentivos, Congresos e Eventos) para poder integrarse na entidade

05/06/2026

A Deputación convértese na terceira deputación provincial de España, despois de Valencia e Granada, en formar parte da Spain Convention Bureau

A Deputación de Pontevedra convértese na terceira deputación provincial de España, despois de Valencia e Granada, en formar parte da Spain Convention Bureau. A directora de Turismo, Romina Fernández, participou na asemblea anual deste organismo da FEMP celebrada en Las Palmas de Gran Canaria onde presentou a candidatura da provincia e deu a coñecer a súa oferta enfocada ao turismo MICE (Reunións, Incentivos, Congresos e Eventos) para poder integrarse na entidade. Para a Deputación, pertencer á Spain Convention Bureau é fundamental para avanzar na captación deste segmento turístico que atrae cada ano a 10,5 millóns de visitantes ata España e prevé superar neste 2026 os 11 millóns.

A Deputación de Pontevedra aprobou a adhesión á Spain Convention Bureau no último pleno do 2025, celebrado o 26 de decembro, e tras recibir en marzo unha visita dunha representante da FEMP para avaliar in situ a oferta da provincia no segmento MICE, a presentación do destino na asemblea da entidade era o último paso necesario para formar dela. Neste eido, a directora de Turismo, Romina Fernández, amosou a potencialidade da provincia, tanto desde o punto de vista da oferta de aloxamentos e dos servizos de restauración, como en canto á oferta turística en xeral, as infraestruturas para acoller convencións e grandes eventos, congresos ou reunións e os equipos técnicos para producilas.

Coa aprobación da adhesión da provincia á Spain Convention Bureau bota a andar oficialmente a Rías Baixas Convention Bureau, xestionada a través de Turismo Rías Baixas. O obxectivo principal da Deputación de Pontevedra coa Rías Baixas Convention Bureau é dar pasos cara adiante para captar viaxes de incentivos, congresos, eventos e reunións na provincia de Pontevedra, para dinamizar e impulsar un turismo de calidade, desestacionalizado e internacional, tendo en conta que o segmento MICE está a experimentar un importante crecemento anual, tanto en canto ao número de participantes como no gasto medio por persoa, cun incremento de ata un 24% na última década.

Galerias de imaxes