A Deputación pon en marcha a nova edición de Rías Baixas Acción, a liña de patrocinios de producións audiovisuais dotada con 170.000 €

As axudas divídense en dúas liñas: 100.000 € para curtas, longametraxes e series, e 70.000 € para documentais de longa duración, curtas documentais e pódcasts documentais

29/06/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar as condicións de Rías Baixas Acción, a liña de patrocinios de producións audiovisuais dotada con 170.000 euros, que o pasado ano permitiu financiar un total de 13 proxectos. O prazo para solicitar esta liña de axudas comeza este luns, 29 de xuño, e estará aberto ata o vindeiro 30 de agosto.

Rías Baixas Acción conta con dúas liñas de axudas: a primeira, dotada con 100.000 euros para o patrocinio de curtas, longametraxes (cunha duración mínima de 60 minutos) e series (de, como mínimo, 300 minutos); e a segunda, con 70.000 euros para documentais de longa duración (máis de 40 minutos), curtas documentais e pódcasts documentais (mínimo de 150 minutos).

As entidades solicitantes poderán presentar ata dous proxectos á convocatoria e as axudas oscilan entre os 3.000 euros e os 25.000 euros, segundo o produto audiovisual. Deste xeito, destinaranse 3.000 euros aos pódcasts documentais e curtas documentais, 3.500 euros ás curtametraxes, 7.000 euros ás documentais de longa duración, 15.000 euros ás series e 25.000 euros ás longametraxes. En todo caso, a achega nunca poderá exceder o 50% do orzamento total.