A Deputación alumea o Pazo provincial de amarelo e azul con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down

O 21 de marzo foi escollido por Nacións Unidas para promover a conciencia e poñer en valor a dignidade, valía e contribucións das persoas con síndrome de Down

21/03/2022

Día da Síndrome de Down

Dende as 19.00 horas deste luns, 21 de marzo, e ata as 8.30 da mañá do martes día 22 o Pazo Provincial da Deputación tinguirase de azul e amarelo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down. Con esta acción, a institución súmase a “Down Galicia” para conmemorar esta efeméride promovendo a conciencia e a comprensión entre a opinión pública e poñendo en valor a dignidade, valía e contribucións das persoas con síndrome de Down.

En novembro de 2011 Nacións Unidas declarou o 21 de marzo como Día Mundial da Síndrome de Down como símbolo da triplicación do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome.  Durante este día, entidades de todo o mundo aproveitan a ocasión para resaltar a importancia da autonomía e independencia individual das persoas con Down, así como reivindicar as súas achegas e o dereito humano básico a que tomen as súas propias decisións. Tamén se reclama o acceso adecuado a atención á saúde, aos programas de intervención temperá, á ensinanza inclusiva, así como á investigación adecuada, vitais para o crecemento e desenvolvemento persoal.

A combinación cromosómica específica de Down afecta en España a unhas 35.000 persoas, cunha incidencia a nivel mundial situada entre 1 de cada 1.000 recentemente nadas/os.