A Deputación arranca a gran actuación ambiental de recuperación da Xunqueira de Alba coas obras do novo parque de maquinaria no polígono de Barro

Carmela Silva: “Estamos a falar dunha das actuacións ambientais máis relevantes e ambiciosas para esta cidade a fin de recuperar o que nunca debeu de ser maltratado”

31/01/2022

A construción do novo Parque de Maquinaria da Deputación no polígono de Barro, a primeira peza da gran actuación de rexeneración ambiental das marismas de Alba, xa está en marcha. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do vicepresidente, César Mosquera; o alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, dos deputados Carlos Font e Gregorio Agís, e responsables de Tragsa, botou hoxe a andar esta iniciativa de sostibilidade, na que a institución investirá un total de 3,6 millóns de euros de aquí ata comezos de 2023. A pé de parcela e a carón das escavadoras celebrou tamén que o persoal do Parque de Maquinaria vaia dispor, dentro duns 8 meses, “dun espazo moi digno e cunha situación idónea, nun polígono ben comunicado”.

Carmela Silva celebrou o comezo das obras e encadrounas dentro do “obxectivo real”, que é recuperar o Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba. “No século XXI”, afirmou, “é obrigado que as Administracións invistan para recuperar o que nunca debeu ser maltratado”. Neste senso, aplaudiu o traballo conxunto co Concello de Pontevedra cunha recuperación medioambiental “que pretende ser un exemplo”. “Con sorpresa”, engadiu, “vemos como a Xunta ten rexeitado seguir o exemplo da Deputación e que nunha resposta parlamentaria dixo que só trasladará as instalacións da nave da Consellería de Medio Ambiente se outra Administración asume o custo”. “Eu, como diría unha persoa moza, alucino, porque a Deputación ten moitos menos recursos que a Xunta e cun orzamento de algo máis de 170 millóns de anos inviste case 4 millóns na recuperación da Xunqueira de Alba”. A presidenta considera “sorprendente” que o Goberno galego pretenda non poñer da súa parte en algo como a loita contra o cambio climático a través da recuperación dun espazo natural protexido ás portas do centro urbano de Pontevedra que, ademais, pertence ao dominio público marítimo-terrestre.

Tamén o vicepresidente, César Mosquera, invitou á Xunta de Galicia a reconsiderar a súa posición ao respecto de retirar as súas instalacións da Xunqueira de Alba. Ao seu entender, “que toda unha Consellería de Medio Ambiente diga que non ten previsto, que non lle sae das narices, saír dun dominio público marítimo-terrestre que aínda é recuperable francamente é absolutamente impresentable, (...) non se lle non se lle ocorre nin ao que asou a manteca”. Mosquera amosouse, ademais, convencido de que a construción do novo parque de maquinaria no Polígono de Barro ten “todo vantaxes” e unha “potencialidade enorme” porque permitirá non só ter un parque central “á altura da actualidade” senón, principalmente, dar un paso fundamental para recuperar xa a Xunqueira de Alba, “un soño de moitos anos para Pontevedra”.

O alcalde Xosé Manuel Abraldes agradeceu o esforzo que no seu día fixo a Deputación para construír o polígono “e o esforzo da presidenta e de todo o Goberno provincial para que as empresas vexan este espazo como o lugar adecuado para os seus proxectos”. Amosou, ademais, a súa satisfacción coa progresiva ocupación con “empresas brancas” e engadiu que a chegada do Parque provincial de Maquinaria contribúe a darlle “máis vida”. A celeridade na tramitación da licenza urbanística por parte do Concello de Barro foi, por outra parte, merecente do recoñecemento da presidenta Carmela Silva e do vicepresidente César Mosquera.

O novo Parque de Maquinaria en Barro está valorado en 2.288.731 euros e ocupará dúas parcelas cunha superficie total de 8.763 metros cadrados onde a Deputación construirá unhas instalacións modernas, funcionais e adaptadas á normativa laboral. O deseño consiste en 3.000 metros cadrados construídos distribuídos en dous grandes volumes. O edificio principal, cuns 1.500 metros cadrados e 6 metros de altura, ten na nave-taller, que ocupa 800 metros, a peza central. Outros 130 metros son para almacéns das brigadas. O espazo administrativo, onde se sitúan despachos e oficinas e que ofrecerá a fachada principal, terá outros 600 metros repartidos en dous andares. Finalmente, nunha esquina da parcela situarase a nave do almacén principal da Deputación, con 450 metros cadrados construídos. Ao longo de todo o perímetro da parcela disporanse as marquesiñas para maquinaria e vehículos, ocupando 1.000 metros cadrados. Todo elo, “esponxado” con zonas verdes e un acceso peonil dende a entrada. O proxecto destaca polo seu respecto á Axenda 2030 ao incorporar principios de economía circular e reutilizar materiais e equipamentos, como gran parte das marquesiñas ou mesmo 330 metros lineais do actual peche perimetral do Parque de Maquinaria da Xunqueira.

Un novo pulmón verde de 17.000 metros cadrados para Pontevedra
Unha vez inaugurado o Parque de Maquinaria en Barro darase comezo á segunda etapa: demoleranse as edificacións e instalacións do vello Parque e da Imprenta Provincial na entrada á Xunqueira de Alba e comezará a recuperación ambiental en todo este espazo, de 17.000 metros cadrados, xerando un bosque con árbores autóctonas. Esta segunda fase contará cun orzamento propio doutros 1.335.269.33 euros e un prazo de execución duns cinco meses, polo que a comezos de 2023 a cidade de Pontevedra gañará un novo pulmón verde.

O calendario de obras prevé que unha vez retirados tódolos entullos e descontaminado o terreo efectuarase un tratamento natural dando cumprimento á folla de ruta marcada polo plan xestión do  ENIL da Xunqueira de Alba, onde hai xa máis dunha década previuse o progresivo desmantelamento das concesións públicas alí situadas. En consonancia con elo, o proxecto da Deputación opta pola plantación de carballos, sobreiras, freixos negros, abeleiras, mimbreiras, madroños, salgueiros, acivros e loureiros, entre outras especies. Será polo tanto un novo bosque mixto  de especies  endémicas, xerando unha conectividade vertical e horizontal con vocación de acubillar á fauna. A veciñanza contará tamén con máis espazo para o lecer, pois inclúese un novo sendeiro peonil, con mobiliario urbano e iluminación respectuosa coa contorna, enlazando os futuros itinerarios co existente no curso baixo do río Rons.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.