A Deputación esgota en tan só uns minutos as prazas das catro Rutas das Maceiras en Flor

Os catro percorridos terán lugar o sábado 27 de abril e permitiranlle á cidadanía coñecer catro sidrerías singulares da Estrada

18/04/2024

A Deputación de Pontevedra esgotou en tan só uns minutos as 160 prazas para participar nas Rutas das Maceiras en Flor, a iniciativa turística que, a través de catro percorridos, permitirá o vindeiro sábado 27 de abril coñecer catro sidrerías singulares da Estrada (Rabiosa, Peroja, Ribela e Camino), concello líder na produción de mazá ecolóxica. A Deputación conta, ademais, cunha longa lista de agarda de persoas interesadas, polo que as inscricións xa están pechadas.

Todas as rutas comezarán coa visita á plantación de Callobre e á sobreira de Valiñas, un exemplar duns 300 anos de antigüidade situado no pazo de Valiñas, cunha altura aproximada de 22 metros e un dos máis importantes desta especie en toda Galicia. Ao finalizar a visita á plantación, será o momento de coñecer unha das catro sidrerías participantes, na que se poderá gozar, ademais, dunha cata-degustación de produtos.

As visitas inclúen, ademais, o traslado en autobús desde Pontevedra (con saída e chegada desde a capela de San Roque), pero as persoas que o desexen tamén se poderán desprazar pola súa conta ata o punto de encontro.