Luis López anuncia que as axudas destinadas ás comunidades de usuarios de augas chegarán, este ano, aos 2,5 M€

A Xunta de Goberno ampliou en preto de 207.000 euros os recursos do programa +Aqua 2025, que xa destinara 2,3 millóns de euros a 245 comunidades de augas da provincia

05/12/2025

Conferencia de prensa de Luis López

Luis López acaba de anunciar na conferencia de prensa posterior á Xunta de Goberno que as axudas destinadas ás comunidades de usuarios de augas chegarán, este ano, aos 2,5 millóns de euros. O Goberno provincial acaba de aprobar unha ampliación de preto de 207.000 euros dos recursos do programa +Aqua, que xa destinara 2,3 millóns de euros a 245 comunidades de augas da provincia.

"En liñas xerais, son xa 5 millóns de euros os recursos aprobados para o movemento veciñal neste 2025",subliñou o presidente ao recordar que se destinaron 2,1 millóns de euros para axudar as asociacións, no marco do Plan Provincia Comunitaria; 340.000 euros á regularización das traídas de augas, a través do +Novaqua, e agora mais de 2,5 millóns de euros para as comunidades de usuarios de augas.

I Gala Provincia Comunitaria

Ao fío desta aposta do goberno provincial polo tecido asociativo e o movemento veciñal, o presidente provincial anunciou que o próximo martes, 9 de decembro, celebrarase a I Gala Provincia Comunitaria. Unha xornada que, tal e como informou López, servirá para "render homenaxe" ao asociacionismo da provincia e que terá lugar a partir das 18.00 horas no auditorio de Afundación en Pontevedra.

"Prevemos reunir a centos de persoas e colectivos nun encontro de comunidade e celebración, que será presentado por Rocío Padín e Isi, e que servirá para poñer en valor todo o que este tecido asociativo e veciñal fai na nosa provincia", subliñou o presidente.

videos

audios