Luis López anuncia a aprobación de 3,2 millóns de euros para as tres liñas de axudas dirixidas ao tecido asociativo e movemento veciñal da provincia: +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria
“Sentímonos moi orgullosos de ter impulsado estas tres liñas de axudas, que medran no 2026 un 20% con respecto ao 2025 e que, nestes dous anos e medio de goberno, beneficiaron xa a 1.000 colectivos e distribuíron 11,5 millóns de euros”, subliñou o presidente
19/12/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra acaba de anunciar a aprobación en Xunta de Goberno de 3,2 millóns de euros para as tres liñas de axudas dirixidas ao tecido asociativo e movemento veciñal da provincia: +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria. "Sentímonos moi orgullosos de ter impulsado estas tres liñas de axudas, que medran no 2026 un 20% con respecto ao 2025 e que, nestes dous anos e medio de goberno, beneficiaron xa a 1.000 colectivos e distribuíron 11,5 millóns de euros", subliñou o presidente. O prazo de solicitude abrirá o día seguinte ao da publicación das bases das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia e permanecerán activa ata o 1 de abril de 2026.
As liñas de axudas dirixidas ás comunidades de augas, +Aqua e +Novaqua, estarán dotadas no 2026, con máis de 1,8 millóns de euros "e van permitir seguir avanzando na mellora da calidade de auga e das instalacións e na regularización das traídas". Por unha banda, 360.000 € de +Novaqua irán dirixidos a regularizar as traídas de augas veciñais, con axudas que ascenden ata os 6.000 e permitirán aos colectivos sufragar o custo de redacción do proxecto de legalización e renovación ou dos traballos de topografía, así como os gastos de xestión e tramitación. E, pola outra, con case 1,5 millóns de euros de +Aqua, destinaranse ata 10.000 € por entidade para instalar ou mellorar as infraestruturas e instalacións das traídas de augas comunitarias; iniciativas de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que impliquen unha mellora na xestión da auga; sistemas de tratamentos de augas ou da calidade da auga subministrada; obras de mellora na captación ou, entre outras, actuacións de impermeabilización.
No que respecta a Provincia Comunitaria, a liña de axudas dirixida a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais da provincia, o orzamento ascende a preto de 1,5 millóns, distribuíndose tamén ata 10.000 euros por entidade. Neste caso, coas axudas provinciais desta liña, os colectivos poderán executar obras, adquirir equipamentos ou afrontar gastos derivados da xestión e tramitación da subvención e do pago de taxas, así como traballos de desbroce e limpeza de terreos.
