A Deputación destaca o excelente estado sanitario da viña e prevé unha vendima abundante e máis temperá do habitual
O persoal técnico do Areeiro recomenda manter a vixilancia nas últimas semanas da campaña, especialmente fronte ao mildio nas follas e á botrite durante a maduración das uvas
09/08/2026
A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, destaca que as revisión realizadas esta semana confirman o excelente estado sanitario xeral das viñas da provincia, unha situación que permite prever unha vendima moi abundante e tamén máis temperá do habitual. De feito, se as condicións meteorolóxicas previstas se manteñen, a colleita podería comezar incluso antes da última semana de agosto.
No último boletín fitosanitario da campaña, a Deputación sinala que as escasas precipitacións rexistradas a comezos desta semana apenas alteraron o bo estado sanitario das viñas. Con todo, a elevada humidade foliar e as temperaturas suaves favoreceron a aparición de novas manchas de mildio nalgunhas follas novas de parcelas con exceso de vexetación e menor ventilación, así como en plantas testemuña sen tratamento. A pesara deste incremento puntual, o persoal técnico subliña que non se prevén problemas importantes na maduración da uva, xa que a maioría das cepas conservan suficiente superficie foliar para completar correctamente a fotosíntese e favorecer a acumulación de azucres.
Naquelas plantas máis debilitadas ou con escasa vexetación, especialmente nas variedades máis tardías, recoméndase manter a observación e valorar a necesidade de actuar. Neste sentido, Areeiro lembra que existen produtos naturais autorizados para combater o mildio durante a fase de maduración, con prazos de seguridade moi reducidos ou inexistentes.
As revisións realizadas esta semana confirman tamén unha incidencia moi reducida do oídio. Agás as plantas sen tratar da pacela experimental do Areeiro e un síntoma moi leve detectado nun rebusco dunha viña do Salnés, non se observaron novos casos, nin sequera nas variedades máis sensibles. Aínda así, a Deputación lembra que as condicións ambientais seguen sendo compatibles co desenvolvemento deste fungo, polo que recomenda continuar coas labores de esfolla e manexo da vexetación para favorecer a ventilación e a entrada de luz nos acios, evitando ao mesmo tempo unha exposición excesiva ao sol máis intenso.
No caso da botrite, a situación tamén continua sendo favorable. A presenza do fungo é unicamente puntual, mesmo en variedades máis sensibles ou en acios con pequenas feridas. Non obstante, a combinación de temperaturas elevadas e a humidade propia desta época fai necesario manter a vixilancia e continuar coas prácticas culturais que favorezan a circulación do aire arredor dos acios. Se fose preciso, existen tamén produtos naturais autorizados para limitar o seu desenvolvemento.
Por outra parte, a Deputación lembra que a loita contra a flavescencia dourada non remata cos tratamentos insecticidas realizados durante a campaña. A estas alturas, coa vendima xa próxima, a principal recomendación é reforzar as medidas preventivas para reducir a presenza do insecto vector, Scaphoideus titanus, mediante a instalación de trampas amarelas que permitan diminuír parte da poboación adulta. Do mesmo xeito, o persoal técnico insiste en que resulta fundamental eliminar e destruír as cepas afectadas ou sospeitosas de padecer a enfermidade, especialmente nas zonas demarcadas e nas súas proximidades, para evitar a súa propagación.
Por último, durante esta semana as capturas de Lobesia botrana mantivéronse en niveis moi baixos e apenas se localizaron un par de acios afectados por eirugas en viñas do Salnés, polo que a situación non se considera preocupante e non se prevén danos significativos no que resta de campaña. Tamén se detectaron algúns síntomas illados de trips, sen incidencia relevante sobre a colleita, mentres que continúan presentes a acariose e, sobre todo, a erinose, aínda que sen cambios significativos respecto das semanas anteriores.
Buxo
No caso do buxo, a Estación Fitopatolóxica observou esta semana danos importantes provocados pola bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis) en plantas e sebes que non recibiron tratamento. A Deputación lembra que esta praga pode chegar a provocar a morte das plantas se as eirugas destrúen as xemas, polo que recomenda non descoidar a vixilancia, especialmente naquelas plantas que xa presentan un estado de debilidade por causas ambientais ou polas condicións do solo.
