A Deputación destina 112.200 euros para que 44 entidades sen fins de lucro da provincia impulsen actividades de dinamización da lingua galega
O vicepresidente Rafa Domínguez remarcou que esta liña de axudas ten como obxectivo “impulsar, dinamizar e promocionar unha lingua, a nosa, da que tan orgullosos nos sentimos e que nos identifica e nos sitúa no mundo”
26/09/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión da liña de axudas para que entidades sen fins de lucro da provincia impulsen actividades de dinamización da lingua galega. En total, trátanse de 112.200 euros para que 44 entidades se beneficien desta liña de axudas provincial que, en palabras do vicepresidente Rafa Domínguez, ten como obxectivo “impulsar, dinamizar e promocionar unha lingua, a nosa, da que tan orgullosos nos sentimos e que nos identifica e nos sitúa no mundo”.
Esta liña de axudas da Deputación distribuirá entre 450 e 4.000 euros e, con estes recursos, as entidades beneficiarias poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa toponimia, co Nadal en galego, co impulso de curtametraxes e contidos audiovisuais, fomentar o uso do galego no comercio e en actividades económicas, organizar premios, recitais poéticos e regueifas ou certames literarios e, entre outras moitas cuestións, impulsar actividades ao abeiro das Letras.
As 44 entidades beneficiarias das axudas pertencen aos concellos de Barro, Bueu, Cambados, Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Moraña, Mos, Nigrán, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Sanxenxo, Vigo, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.
