A Deputación leva este martes ata Cambados a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’

13/07/2025

A Deputación de Pontevedra leva este martes, 15 de xullo, ata Cambados a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’ organizada en colaboración coa compañía Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas. A actividade terá lugar ás 11:30 horas na Biblioteca Luís Rei e continuará este mes de xullo ata completar as 35 citas programadas nos concellos da provincia.

Con esta actividade, a Deputación ten por obxectivo divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a conservación e difusión da lingua galega. Deste xeito, os obradoiros percorren a biografía destas mulleres (personificadas nalgunhas figuras como as de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica) dun xeito ameno e participativo. Durante a actividade tamén se interpretarán as pezas que cantaban estas mulleres, ademais de pezas propias de cada unha das localidades onde se desenvolvan as accións, e concluirá cun obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas terán que realizar unha caricatura dunha pandeireteira.

Despois de visitar Cambados, e tras percorrer xa O Rosal, Oia, Cuntis, O Grove, O Porriño, Gondomar, Vila de Cruces, Barro, Bueu, Vilanova de Arousa, Pazos de Borbén, Mondariz, Moaña, Cerdedo-Cotobade, As Neves, Tomiño, Catoira, Poio, Redondela, Mos, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Portas e Vilagarcía de Arousa, “Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas” chegará neste mes de xullo ata Pontecesures, Meaño, Ribadumia, Vilaboa, Moraña, A Lama, Ponte Caldelas, Cangas, Soutomaior e Mondariz-Balneario. 

 

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.