A Deputación abre este luns o prazo para que os concellos soliciten Xuventude a Máis, o novo programa provincial con propostas de benestar, creatividade e conexión coa contorna para a mocidade

Conta cun orzamento de preto de 100.000 € e está dirixido aos concellos de menos de 20.000 habitantes que poderán solicitar entre este luns 19 de xaneiro e o 6 de febreiro algún dos 102 obradoiros

17/01/2026

A Deputación de Pontevedra pon en marcha o programa Xuventude a Máis, dotado con 100.000 € para que os concellos da provincia oferten á mocidade propostas de benestar, creatividade e conexión coa contorna.  En total o organismo oferta 102 obradoiros, que os concellos de menos de 20.000 habitantes deberán solicitar entre este luns 19 de xaneiro e o 6 de febreiro, e garante entre dous e catro actividades por municipio.

Os obradoiros, dirixidos a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos, serán de 20 horas de duración, para grupos de entre 7 e 15 mozos/as e distribuiranse en tres grandes temáticas: habilidades para o benestar e o coidado persoal, expresión artística e cultura e conexión e coidado da contorna.  No marco da área de habilidades para o benestar e o coidado persoal ofertaranse obradoiros de economía de fogar; seguridade básica para a mocidade: primeiros auxilios e defensa persoal; cociña, nutrición e mitos alimentarios; e saúde mental.

Pola súa banda, no que respecta a expresión artística e cultura, a Deputación deseñou obradoiros de DJ, de iniciación á música tradicional galega, de edición de vídeo e fotografía, de creación de produtos gráficos ou de merchandising.  Finalmente, no bloque de conexión e coidado da contorna, proponse actividades relacionadas co sendeirismo, a orientación e interpretación do patrimonio natural; coa horta urbana e xestión biolóxica do solo; coa reciclaxe de mobles e obxectos e co adestramento canino.

Trala solicitude dos concellos, que terán ata o 6 de febreiro para elixir as temáticas de obradoiros do seu interese, a Deputación de Pontevedra activará as engrenaxes para contratar o desenvolvemento das actividades que terán lugar no último trimestre de 2026 e no primeiro do 2027.