Luis López anuncia a activación do expediente para contratar por valor de máis de 520.000 € as obras de mellora da seguridade viaria nas estradas provinciais EP-6201 Rodeiro-Vilela e EP-6202 Rodeiro-Oseira
En ambas vías provinciais, tal e como informou o presidente, “renovarase a capa de rodaxe e os servizos, atendendo unha histórica demanda veciñal da vila”
19/12/2025
Luis López confirma que a Xunta de Goberno acaba de aprobar o expediente para contratar por valor de máis de 520.000 € as obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil nas estradas provinciais EP-6201 Rodeiro-Vilela e EP-6202 Rodeiro-Oseira, ao seu paso por Santa María de Río e San Martiño de Asperelo. En ambas vías provinciais, tal e como informou o presidente Luis López, “renovarase a capa de rodaxe e os servizos, atendendo unha histórica demanda veciñal da vila”.
No caso da EP-6201, entre os núcleos de Rodeiro e Santa María de Río, o presidente detallou que se renovará a capa de rodaxe nun treito de 1,9 quilómetros, ademais de construír unha senda peonil e cunetas de seguridade transitables. Pola súa banda, na EP-6202, en San Martiño de Asperelo, López confirmou que se renovará o firme nun treito de 320 metros. Nesta vía tamén se van executar cunetas de seguridade, construír un muro de contención, implantar redutores de velocidade e renovar a rede de pluviais.
Trátase de máis de medio millón de euros para Rodeiro que contribuirá a seguir avanzando na mellora da rede de estradas provinciais. Unha rede, fundamental na vertebración do territorio pontevedrés, á que se destinará, o vindeiro ano, un 56% máis de recursos para reforzar as vías provinciais da provincia, con máis de 38,2 millóns de euros contemplados no Orzamento da Deputación.
