A Deputación leva o programa Aquí Faltan Páxinas ata A Cañiza para salientar a traxectoria da primeira muller que firmou proxectos de arquitectura en España, Rita Fernández Queimadelos
A deputada de Igualdade, Paula Bouzós, subliñou que “foi a primeira galega titulada en Arquitectura, que exerceu a profesión durante 30 anos e deixou como legado un exemplo de constancia e talento, converténdose en referente para que outras mulleres avanzasen nunha profesión tradicionalmente masculina”
23/03/2026
O Salón de Plenos do Concello da Cañiza acaba de acoller un novo faladoiro do programa da Deputación de Pontevedra Aquí Faltan Páxinas. Nesta ocasión, a protagonista foi Rita Fernández Quimadelos, a primeira muller que asinou proxectos de arquitectura en España. Natural da Cañiza, Rita Fernández foi, en palabras da deputada de Igualdade, Paula Bouzós, “a primeira galega titulada en Arquitectura, que exerceu a profesión durante 30 anos e deixou como legado un exemplo de constancia e talento, que abriu as portas ás novas xeracións, converténdose en referente para que outras mulleres avanzasen nunha profesión tradicionalmente masculina”.
Para Bouzós “é fundamental visibilizar a traxectoria de mulleres como Rita Fernández, que abriron o camiño a outras e traballaron para facer desta provincia un lugar muller”. Neste eido, a deputada reiterou o papel que desenvolve o programa Aquí Faltan Páxinas e aproveitou a ocasión para remarcar o compromiso da Deputación coa igualdade: “Ao longo destes anos estamos a demostrar que esta é unha das nosas grandes prioridades e tamén que sumar vontades, sen crispación, dialogando, é o único xeito de conseguir avanzar cara un mundo máis xusto”.
No faladoiro da Cañiza, María Carreiro, arquitecta doutora e divulgadora de arquitectura e urbanismo con perspectiva de xénero, foi a encargada de afondar na figura de Rita Eugenia Benedicta Fernández Queimadelos. A pesar da oposición inicial do seu pai, co apoio decisivo das súas avoas, a protagonista de Aquí Faltan Páxinas conseguiu estudar arquitectura en Madrid como parte da primeira xeración de arquitectas españolas. Converteuse na primeira galega titulada en Arquitectura, en 1940, e na primeira muller en España en asinar oficialmente os seus propios proxectos arquitectónicos. Faleceu en Barcelona o 26 de setembro de 2008, aos 97 anos, e está considerada pioneira no desenvolvemento de proxectos de arquitectura civil, rehabilitación e vivenda social.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros ao longo do 2026. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala, Marisol Soengas e Matilde Vázquez, despois do dedicado a Rita Fernández Queimadelos seguiranlle outros nos que se narrarán as historias das mulleres do mundo do viño, da fotógrafa e xornalista Corona González, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.
