A Deputación aproba recursos por valor de preto de 44.000 euros para que o Concello de Crecente acondicione a pista polideportiva de Filgueira e dote de material as instalacións deportivas municipais

Estes recursos forman parte do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que dirixe a Crecente preto de 87.200 euros para a mellora das súas instalacións deportivas

17/03/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar recursos por valor de preto de 44.000 euros para que o Concello de Crecente acondicione a pista polideportiva de Filgueira e dote de material as instalacións deportivas municipais. A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

Cos recursos da Deputación de Pontevedra Crecente vai, por unha banda, investir preto de 12.000 euros no subministro de material para as instalacións deportivas municipais e, pola outra, máis de 32.000 euros para a adecuación da pista polideportiva de Filgueira. No que respecta ao material deportivo, dotarase de equipamento ao ximnasio municipal: máquina de extensión, bancos de lumbares e para muscular, pesas hexagonais, soporte para discos, espellos e, entre outros elementos, colchóns.

Pola súa banda, no que respecta á pista polideportiva de Filgueira, os investimentos provinciais servirán para solucionar problemas de subministro eléctrico e acondicionar os vestiarios e o perímetro da instalación para evitar a presenza de filtracións que impiden o desenvolvemento normal das actividades deportivas. Deste xeito, pecharase o recinto cun muro de bloques de formigón branco, recolocarase un portal de acceso e realizaranse melloras no subministro eléctrico. Ademais reporase a instalación eléctrica dos vestiarios e os focos da pista polideportiva.

Crecente está a recibir no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) preto de 87.200 euros para a mellora das súas instalacións deportivas. Deste xeito, coas achegas da Deputación de Pontevedra, o concello está a impulsar, ademais destas dúas actuacións, outros proxectos como a mellora da piscina, do pavillón e do ximnasio municipais.