A Deputación aproba recursos por valor de máis de 17.500 euros para que o Concello de Vilagarcía de Arousa dote ao Pavillón Municipal Sara Gómez de Fontecarmoa dun vídeo marcador de pista
Estes recursos forman parte do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que dirixe a Vilagarcía de Arousa 312.440 euros para a mellora das súas instalacións deportivas
25/03/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar recursos por valor de máis de 17.500 euros para que o Concello de Vilagarcía de Arousa dote ao Pavillón Municipal Sara Gómez, do Complexo Deportivo Municipal de Fontecarmoa, dun vídeo marcador de pista. A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
Cos recursos da Deputación de Pontevedra Vilagarcía de Arousa vai incorporar no pavillón polideportivo Sara Gómez un vídeo marcador de pista para ser empregado tanto como marcador como pantalla, mellorando a experiencia dos espectadores, xa que permitirá achegar información relevante de maneira clara e atractiva, fomentando un ambiente máis dinámico durante os eventos. Trátase dun marcador dividido en tres pantallas led, unha para a parte central de 3,8 metros e dúas laterais de 5,7 metros cada unha.
Vilagarcía de Arousa está a recibir no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) máis de 312.440 euros para a mellora das súas instalacións deportivas, sendo o concello da provincia que máis recursos recibe ao abeiro deste plan provincial. Deste xeito, coas achegas da Deputación, o concello está a impulsar, ademais deste vídeo marcador de pista, outros proxectos como a instalación de dous bancos para o campo de fútbol Manuel Jiménez Abalo, a reposición de muros de peche nos campos de fútbol municipais da Pelada e Vilaxoán, a subministración dunha caseta para o estadio de atletismo ou a substitución de luminarias por tecnoloxía led en instalacións deportivas.