A Deputación inaugura a reforma do pavillón da Macoca de Tui tras investir máis de 180.000 euros no marco do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
A actuación permitiu renovar os vestiarios e aseos, mellorar a iluminación e a accesibilidade, crear novos almacéns para os clubs e solucionar problemas de saneamento e filtracións
23/09/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de inaugurar a reforma do pavillón da Macoca, en Tui, unha actuación á que a institución provincial destinou algo máis e 180.000 € a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID). A intervención, financiada integramente pola institución provincial e xa rematada, permite poñer ao servizo da veciñanza unha instalación completamente renovada, máis accesible, funcional e preparada para seguir acollendo a actividade dos clubs e deportistas da zona. Unha iniciativa impulsada polo goberno provincial que en catro convocatorias está mobilizar 28 millóns de euros nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.
O deputado Alejandro Lorenzo destacou durante o acto de inauguración que a actuación responde á aposta da Deputación por facer de Pontevedra “unha provincia de deporte, non só apoiando os grandes eventos ou os nosos deportistas, senón tamén investindo nos espazos nos que comeza todo: nos pavillóns, nos campos e nas instalacións municipais”. A reforma permitiu acometer unha renovación integral dos vestiarios e aseos, cunha nova distribución dos espazos para facelos máis funcionais, así como a creación dun baño xeral que tamén funciona como vestiario accesible para persoas con mobilidade reducida. Tamén se renovaron as instalacións de fontanería e o equipamento, con novos lavabos, inodoros e duchas.
Entre as actuacións realizadas tamén destaca a mellora da iluminación da pista e a instalación de novas luminarias nos vestiarios. Ademais, aproveitouse o espazo situado baixo as bancadas para crear dous novos almacéns destinados aos clubs. A intervención incluíu igualmente actuacións no exterior para resolver problemas de filtracións e deterioro das redes de saneamento e recollida de augas pluviais. A reforma completouse con actuacións destinadas a favorecer a iluminación e ventilación natural dos vestiarios, a instalación dun sistema de ventilación forzada e a renovación da porta de acceso lateral. O pavillón conta ademais con novo equipamento deportivo e de protección.
“O deporte de base nace en instalacións como esta, nun adestramento despois das clases, nun equipo de nenos e nenas, nun club que traballa durante todo o ano. Por iso é tan importante que os concellos conten con espazos adecuados e coa colaboración das administracións para poder melloralos”, afirmou o deputado Alejandro Lorenzo. Desta maneira, o resultado da intervención permite “dar resposta a necesidades concretas que tiña o pavillón e, ao mesmo tempo, crear un espazo máis digno e axeitado para todas as persoas que o utilizan”.
