A Deputación recomenda aplicar tratamentos con folpet nas viñas moi danadas pola sarabia e nas que se espera que haxa colleita

O persoal técnico do Areeiro sinala que a floración do albariño comezará dentro dunhas dúas semanas, e recomenda que as plantas xa estean protexidas contra o oídio

01/05/2026

A Deputación recomenda aplicar tratamentos con folpet nas viñas moi danadas pola sarabia e nas que se espera que haxa colleita

A Deputación de Pontevedra recomenda aplicar canto antes a renovación do tratamento contra o mildio se aínda non se fixo tras a sarabia rexistrada os pasados días. O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro sinala para os tratamentos que é imprescindible engadir un funxicida que conteña folpet (a materia activa rexistrada para a cicatrización das feridas de sarabia en vide) nos casos de predios onde os danos foran maiores e onde aínda se pode esperar que haxa colleita (xa que algúns quedaron reducidos practicamente á madeira).

O persoal do Areeiro lembra tamén que nos predios con plantas conducidas en formacións baixas é imprescindible manter ben segada a cuberta vexetal do solo, xa que gramíneas e outras adventicias están en floración e poden superar as cepas en altura. Os técnicos sinalan, rematando en canto ao mildio, que a observación dos pasados días amosa unha situación en xeral bastante boa, con manchas vellas en fase de curación máis ou menos avanzada, ou incipientes moi esporádicas.

No que ten que ver co oídio, o persoal mantén as recomendacións da pasada semana: nos predios máis adiantados nos que haxa variedades sensibles e non se renovara aínda a protección antimildio, cómpre engadir un funxicida antioídio. Ademais, advirten de que (dependendo das condicións meteorolóxicas finais) a floración do albariño debería iniciar nun prazo aproximado de algo máis de dúas semanas, polo que neste estado é conveniente que xa estea protexido fronte ao patóxeno. En canto ás avelaíñas do acio, segue sen haber capturas de Eupoecilia ambiguella e só houbo capturas de machos de Lobesia botrana salientables nun par de parcelas, sendo moi baixas ou nulas no resto.

En canto a outros parasitos e incidencias, a Deputación recomenda de novo aplicar tratamentos con folpet e aportar aminoácidos para axudar as plantas a superar a situación de estrés xerada pola sarabia, e retirar os pampos con maiores danos para evitar a instalación de patóxenos oportunistas como a botrite (no caso de que non haxa que agardar para que os seguros agrarios poidan avaliar os danos). Tamén salientan os abundantes síntomas de einose que se poden observar nesta campaña.

Por último, en canto a diferentes cultivos, a sarabia tamén afectou ás froitas de óso e plantas tenras de horta que se atopan en crecemento. Nestes casos, ademais de potenciais tratamentos antimildio con materias activas sistémicas ou penetrantes en plantas de horta como tomateiras ou pataqueiras, é conveniente que se engada folpet ou captan (segundo un ou outro estea autorizado nos respectivos cultivos).