Luis López celebra os 140 anos de impulso compartido entre a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e a Deputación á economía da provincia

O presidente participa en Vigo no acto de conmemoración dos 140 anos de historia dunha entidade fundamental no pasado, presente e futuro da provincia no que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda

23/09/2026

Luis López celebra os 140 anos de impulso compartido entre a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e a Deputación á economía da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece o impulso á economía da provincia que comparten a Administración Provincial e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía desde hai 140 anos. Fíxoo no acto de conmemoración dos 140 anos de historia desta entidade que, con motivo desta efeméride, organizou unha xornada de traballo en Vigo con conferencias, debates e homenaxes na que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como outros representantes das administracións, de institucións públicas e da empresa privada.

“So hai dúas entidades provinciais que participan nesta xornada que xa estaban aquí en 1886, hai 140 anos. Unha é a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e a outra é a Deputación de Pontevedra. O calendario é o mellor filtro, sexa na empresa ou nas institucións. Non somos o mesmo, pero compartimos moito máis do que semella, compartimos o fundamental. Como a Cámara, cremos que a riqueza nace do sector privado e que o público debe xestionala euro a euro con prudencia; sabemos que a empresa é a fonte principal de emprego, consumo, libre comercio e finalmente da liberdade dos fogares; e sabemos que a empresa asume riscos, expón o seu capital e crea oportunidades. Isto era así en 1886, cando a Deputación e a Cámara xa existían e segue sendo así no 2026, cando ambas casas seguen moi unidas”, reflexionou o mandatario provincial na clausura da xornada celebrada no Hotel Pazo Los Escudos da cidade olívica.

Neste sentido, Luis López reivindicou con exemplos a estabilidade e os plans de dinamización económica que caracterizan a acción do actual goberno provincial. “Estabilidade é garantir que a provincia de Pontevedra terá a 1 de xaneiro un novo orzamento en vigor, o cuarto, grazas a ser a única Deputación de Galicia cun goberno en maioría. Cumprimento é que as facturas as pagamos nun máximo de quince días e que temos débeda cero. E a planificación consiste en que non so nós sabemos que imos facer e con canto diñeiro, senón que os 61 concellos da provincia coñecen con meses de antelación cada céntimo de fondos provinciais lles corresponden cada ano repartido con criterios obxectivos”, afirmou o dirixente lembrando un comentario que lle dixeron sobre o labor das institucións provinciais: “as deputacións son a Unión Europea do local, encárganse de redistribuír riqueza e fondos”.

Impulso á economía de Vigo e do conxunto da provincia

Malia carecer de competencias específicas en materia empresarial, industrial e comercial, desde a Deputación de Pontevedra póñense en practica diversos plans de investimento que están a estimular todos os sectores da economía tanto da cidade de Vigo como do conxunto da provincia. No caso da principal cidade de Galicia, detallou o mandatario provincial que a Deputación ten comprometidos nestes tres anos de mandato un total de 55 millóns de euros en investimentos en proxectos estratéxicos como o estadio de Balaídos, o Cine Fraga ou a piscina de Teis, tanto a través de propostas propias como en colaboración co Concello ou á Xunta. Unha das iniciativas que está a liderar a Deputación é o Pacto por Peinador, coa reserva inicial dun total de 400.000 euros para atraer novas rutas.

Do mesmo xeito, o presidente Luis López referiuse aos 600M€ transferidos aos concellos e as 2.000 actuacións executadas en tres anos de goberno; ás 2.500 contratacións realizadas grazas aos fondos provinciais, aos 8M€ mobilizados nos programas de colaboración coas comunidades de usuarios de auga para preservar un recurso escaso e que suscitou o interese da Unión Europea, os 70M€ destinados á mellora da rede de estradas provinciais, o impulso ao turismo estranxeiro, ou a aposta polo emprendemento cun polígono empresarial ocupado ao 100% como o de Barro Meis ou a alianza coa Xunta para destinar 400.000€ aos polos de emprendemento.

“Tomámonos moi en serio a economía da provincia. Non de palabra, con feitos. Ímolo seguir facendo coas mesmas gañas e visión que a Deputación e a Cámara xa compartían hai 140 anos, pero con máis medios”, concluíu o presidente Luis López.

Recoñecemento a José García Costas

Un dos puntos principais da orde do día desta xornada foi a entrega da medalla de ouro ao presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, José García Costas. Un recoñecemento a toda unha traxectoria polo que o mandatario provincial quixo darlle os parabéns. Ademais, ao longo da mañá os asistentes atenderon a un diálogo sobre a Europa atlántica entre o conselleiro Diego Calvo e o exlehendakari Íñigo Urkullu; unha mesa redonda sobre o papel das Cámaras na economía española a cargo de representantes das entidades territoriais de Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia; o papel da empresa na era da intelixencia artificial e un repaso á historia das Cámaras.

Galerias de imaxes