Luis López asina co Concello de Pontevedra un novo investimento da Deputación na cidade: financiará o 100% do novo alumeado na zona norte da urbe
O mandatario provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, rubrica co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores unha addenda ao convenio para a mellora enerxética nos barrios da Parda, Valdecorvos, O Pino ou O Castañal, que suporá un investimento total de 2,3 M€
17/03/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar este mércores co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, unha addenda ao convenio de colaboración entre as dúas administracións para a renovación do alumeado público na zona norte do centro urbano a través da cal o organismo provincial incrementa a súa achega en 720.000€ para sufragar a totalidade dun investimento cifrado en 2,3 millóns de euros. “Hoxe asinamos unha addenda de 720.000 euros a un convenio que están enmarcados dos convenios de 2,5M€ que a Deputación pon a disposición do Concello de Pontevedra cada 1 de xaneiro do ano en curso ao aprobar os orzamentos en tempo e forma”, remarcou o dirixente provincial, que estivo acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez.
Trátase dun aumento da aportación da Deputación a un proxecto que afonda na colaboración entre o organismo provincial e o Concello de Pontevedra e na mellora da eficiencia enerxética nos concellos da provincia. “Hai pouco máis dun mes estabamos no Mosteiro de Lérez para comprobar o remate duns traballos para a renovación da iluminación no marco doutro convenio de colaboración e hoxe reforzar esa colaboración entre dúas administracións comprometidas coa eficiencia enerxética, que actuamos en toda a cidade e que, dentro das lóxicas discrepancias políticas, chegamos a pactos con normalidade”, subliñou López.
Este acordo, aprobado xa na Xunta de Goberno da Deputación e asinado este martes polos responsables dos gobernos provincial e local, tomouse na comisión de seguimento do convenio entre o organismo provincial e o Concello de Pontevedra, celebrada a comezos de febreiro. E estes 710.000 euros adicionais achéganse con cargo á anualidade do ano 2026 do importe total de 2,5 millóns de euros que destina cada ano a Deputación a proxectos de colaboración co Concello de Pontevedra.
A actuación servirá para substituír as actuais luminarias por outras con tecnoloxía LED, así como para mellorar o control do sistema coa renovación de 39 cadros de mando, da rede de cableado, as tomas de terra e as columnas. Con esta intervención conseguirase un aforro do 78% no consumo respecto ao actual, ademais de reducir as emisións de dióxido de carbono en máis de 650 toneladas ao ano. O ámbito de actuación céntrase nos núcleos do Pino, A Parda, O Castañal, Valdecorvos ou San Amaro, entre outras zonas. Neste sentido, lembrou Luis López que este investimento pode engadirse aos 1,4M€ destinados polo organismo provincial á mellora do alumeado público executado no barrio de Lérez.
A colaboración da Deputación co Concello de Pontevedra non se limita unicamente a estas melloras de eficiencia enerxética. En menos de tres anos de mandato, o goberno provincial ten mobilizados na capital da provincia máis de 30M€, tanto a través de proxectos de cooperación, como a mellora do campo de fútbol de Salcedo (2,15M€) ou o novo viario de Mollavao (1,27M€), como a través de proxectos de iniciativa propia como o que se levará a cabo este ano en Príncipe Felipe para a mellora das instalacións cun investimento sen precedentes de máis de 5M€. “Agradezo a lealdade institucional do Concello e reafirmo o compromiso da Deputación co Concello de Pontevedra, que non sería o mesmo se o vicepresidente Rafa Dominguez non traballase tanto na defensa da cidade”, rematou o presidente Luis López, quen agarda xa “asinar o máis axiña posibles novos convenios que a veciñanza agradece”.
