Luis López asina coa alcaldesa de Cangas de Morrazo, Araceli Gestido, un convenio de 1,5M€ para a humanización da contorna do centro de saúde
O presidente provincial recibe á rexedora morracense no Pazo Provincial para selar un acordo no que a Deputación achega 1,07M€, para financiar o 70 % dunha obra que transformará a imaxe, os servizos e a mobilidade desta zona tan transitada do municipio
07/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina coa alcaldesa de Cangas de Morrazo, Araceli Gestido, o convenio para a humanización da contorna do centro de saúde de Cangas de Morrazo. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Gestido selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 1,07 millóns de euros para financiar o 70% dunha obra valorada en máis de 1,5M€, dos que o Concello achega o 30 % restante, uns 460.000 euros. Unha inxección de fondos provinciais que contribúe á transformación dos espazos públicos nos concellos da provincia.
O proxecto ten como obxecto a humanización e mellora do ámbito urbano da Rúa Ferrol, Rúa Gondomar e rúa Redondela (nalgún tramo da mesma xa nomeada rúa Antonio Soage Jalda). Nas tres rúas se demolerá o pavimento existente para estender unha nova capa de rodaxe, cun pavimento diferenciado para os pasos de peóns e os accesos aos garaxes. Ademais, instalarase unha nova rede para separar as augas pluviais e saneamento, así como unha nova rede de abastecemento. O mobiliario urbano existente tamén será retirado coa posibilidade de volvelo instalar e tamén serán renovados os puntos de luz.
A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Cangas de Morrazo, onde tamén están en marcha proxectos dirixidos á mellora dos servizos, á renovación dos viarios, á transformación do espazo público e a reformar toda clase de infraestruturas.
