Luis López asina coa alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, unha achega de case 0,6M€ para financiar ao 100% as obras do camiño ao colexio do Mosteiro

O presidente provincial recibe á rexedora no Pazo Provincial para selar un acordo no que a Deputación combina os recursos do Plan Extra e o +Provincia para facer posible a reforma urbana necesaria para garantir a seguridade viaria do alumnado

07/10/2026

Luis López asina coa alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, unha achega de case 0,6M€ para financiar ao 100% as obras do camiño ao colexio do Mosteiro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina coa alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, o convenio para a creación dun camiño escolar seguro ao CPI O Mosteiro. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Giráldez selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 588.235 euros para financiar ao 100% o proxecto a través da combinación dos recursos do Plan Extra (500.000€) e do +Provincia (88.235€). Unha inxección de fondos provinciais que contribúe á transformación dos espazos públicos e á mellora da seguridade viaria nos concellos da provincia. “Unha mellora importante na contorna do CPI O Mosteiro, no casco urbano do Concello cun investimento de case 600.000 euros financiado ao 100% pola Deputación de Pontevedra e que se suma a outras actuacións que se están executando en Meis”, declarou López despois de asinar o acordo.

O proxecto ten tres obxectivos principais. En primeiro lugar, ampliar o espazo para a cidadanía na contorna do colexio e na súa conexión coa Praza de España a través dunha actuación Rúa Alcalde Jorge Casal. En segundo lugar, derivar a área de espera do transporte escolar cara o viario que transcorre pola parte traseira do centro, con acceso dende a EP-9402. E, por último, deseñar un acceso máis seguro para os usuarios dos autobuses do transporte escolar, ao crear un acceso ao colexio máis. “Supón unha mellora no tránsito dos rapaces e das familias que acoden ao centro educativo”, valorou o dirixente provincial

Deste xeito, na rúa Alcalde Jorge Casal e Praza de España executarase unha nova praza en pavimento de formigón con diferentes acabados, instalaranse elementos de mobiliario urbano, iluminación e e zonas verdes. Para a conexión coa Praza de España executarase unha senda de pavimento de granito máis ancha que a actual para o que se procederá a estreitar o carril de circulación e ocupando os terreos dunha construción cedida ao Concello. Por outro lado, no viario traseiro do CPI O Mosteiro e na conexión coa EP-9402, executarase unha mellora da plataforma do viario de titularidade municipal, executarase o formigonado da cuneta para mellorar a recollida das augas pluviais e renovarase o alumeado público. Ademais, executarase un acceso peonil dende a plataforma de desembarco dos usuarios do transporte escolar ata o interior do CPI de O Mosteiro, a explanada quedará limitada ao tránsito de autobuses e o espazo reservado para o tráfico peonil. “É unha obra moi demandada, que beneficia a 300 familias, e agradecemos á Deputacion de Pontevedra o Plan Extra porque nos vai permitir levar a cabo unha das obras máis importantes que demandaba a nosa veciñanza”, recoñeceu a rexedora Marta Giráldez.

A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Meis, onde tamén están en marcha proxectos dirixidos ao fomento da seguridade viaria e a mobilidade peonil, así como á mellora dos servizos e a transformación do espazo público. “Parabéns ao concello e á provincia por outro proxecto estratéxico que transforma os espazos públicos que se vai poñer en marcha”, concluíu o presidente Luis López.

Galerias de imaxes

audios

Luis López

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.