Luis López recoñece a implicación veciñal que fai grandes celebracións como a Festa da Mazá, que reforza o tirón de Redondela dentro das Rías Baixas
O presidente provincial achegouse este domingo á parroquia redondelana de Santo Estevo de Negros para degustar as preparacións da Festa da Mazá, unha das citas de maior arraigo entre a veciñanza e que reúne cada ano a centos de visitantes
04/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, pon como exemplo da riqueza da gastronomía, a cociña e a materia prima da provincia a mazá de Santo Estevo de Negros con motivo da Festa da Mazá Val do Maceiras que se celebra esta fin de semana en Redondela. O mandatario provincial foi un comensal máis nesta cita gastronómica que festexa o seu trinta aniversario como motor de cohesión veciñal e atractivo turístico. “Se as Rías Baixas son un dos destinos turísticos favoritos en Galicia e en España, eventos como esta Festa da Mazá, que potencian a nosa gastronomía, a nosa cociña e o noso produto; teñen boa parte dese mérito”, afirmou o presidente provincial nunha xornada compartida coa veciñanza de Redondela, integrantes das asociacións veciñais que organizan a festa e a alcaldesa redondelana, Digna Rivas; e outros membros da corporación municipal.
Nesta parroquia de Redondela levan tres décadas, malia que a festa gastronómica suma 29 edicións, poñendo en valor un produto autóctono como a mazá do Val do Maceiras. Ao longo desta fin de semana foron decenas os visitantes que se achegaron ata esta parroquia redondelana para desfrutar dunha festa gastronómica que é unha das tradicións máis arraigadas do municipio, un punto de encontro clave para enxalzar os produtos da terra e un motor dinamizador da cultura da zona. “Estou desexando botarlle man a algún deses pratos que teñen unha pinta deliciosa”, admitiu López despois de recoñecer a achega dos colectivos para promocionar a mazá e dinamizar a vida social, cultural e económica da parroquia.
Neste sentido, desde a Deputación aplauden a organización deste tipo de iniciativas que contribúen a impulsar o modelo de turismo que o goberno provincial está a promover no conxunto das Rías Baixas. “Poñemos o noso gran de area para que a riqueza patrimonial e gastronómica de Redondela, e dos 60 concellos restantes da provincia, sexa coñecida tanto dentro como fóra da provincia. Esa é unhas das nosas metas e por esa razón lanzamos campañas tan rompedoras como recoñecidas como Cando Volves? ou Rías Baixas: A Túa Meta o Teu Destino. Son propostas que presentan as Rías Baixas desde un punto de vista insólito e que están a conseguir que cada ano cheguen aos nosos concellos visitantes de todas as partes do mundo, para desfrutar de festas como esta: que exaltan o noso territorio, o noso estilo de vida e a nosa gastronomía”, concluíu o presidente Luis López.
