Luis López salienta un novo investimento de 300.000 euros para a reforma do campo de fútbol do Aral, en Baiona, co que “a provincia do deporte segue avanzando”

O presidente provincial, acompañado polo alcalde e deputado Jesús Vázquez Almuíña, subliña a aposta da Deputación polo deporte, cun investimento de 20M€ en instalacións deportivas municipais a través de tres Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas

14/03/2026

Luis López salienta un novo investimento de 300.000 euros para a reforma do campo de fútbol do Aral, en Baiona, co que “a provincia do deporte segue avanzando”

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirma o compromiso do organismo provincial coa mellora das instalacións deportivas da provincia e coa colaboración cos concellos na inauguración da reforma do campo de fútbol do Aral, en Baiona, onde o organismo provincial investiu máis de 300.000 euros través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e do +Provincia para sufragar a totalidade da obra. “É unha satisfacción comprobar como a provincia do deporte segue avanzando e mellorando”, afirmou o mandatario provincial, nunha visita ao recinto deportivo na que tamén participou o alcalde e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña.

A obra consistiu na reforma integral dos vestiarios, a reparación da cuberta na bancada norte e a creación dunha nova cuberta na bancada sur, así como a substitución do peche perimetral e a renovación do sistema de iluminación. O custo total da actuación superou os 300.000 euros, dos que 81.200 euros proceden da primeira convocatoria do PEID e os 246.600 euros restantes do +Provincia. “Un proxecto que fixemos realidade grazas á colaboración entre dúas administracións —Concello e Deputación— que comparten o seu compromiso coa mellora dos equipamentos deportivos e a mellora dos servizos e a calidade de vida”, recoñeceu o dirixente provincial, quen puxo en valor tamén o labor de Jesús Vázquez Almuíña tanto á fronte do Concello como do Servizo de Turismo na Deputación. “Quero recoñecer o labor do alcalde, tanto na xestión do día a día do Concello como no seu cargo de deputado de Turismo. Con compañeiros de traballo como Jesús Vázquez Almuíña todo é moito máis doado”, afirmou López.

O fomento do deporte é unha aposta estratéxica da Deputación, que está a actuar en todos os ámbitos, desde un maior apoio a deportistas e clubs, coa aprobación esta semana da segunda convocatoria do DepoVan dotado con 1M€ para que as entidades deportivas poidan adquirir vehículos; ata a organización de eventos, o impulso ao turismo deportivo e a mellora das instalacións para a práctica do deporte en todos os concellos da provincia. “Seguimos apostando pola mellora das instalacións deportivas municipais, nas que levamos investido 20M€ en menos de tres anos de goberno”, subliñou o presidente provincial.

Despois de poñer en valor tamén o papel de clubs como o Erizana para fomentar os valores do deporte na sociedade, Luis López reafirmou o compromiso da Deputación coa mellora dos servizos e as infraestruturas en concellos como o de Baiona, ao que a Deputación pon este ano 2,85M€ a súa disposición; e convidou a toda a veciñanza a facer uso “dunha instalación de calidade e á altura da provincia do deporte”.

Galerias de imaxes