Luis López destaca en Forcarei o investimento de preto de 95.000 € para mellorar o ximnasio municipal a través do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
O presidente provincial, xunto coa alcaldesa e deputada provincial Belén Cachafeiro visitou a actuación financiada ao 100% por ese Plan, que dotou ao espazo de novo equipamento e dun pavimento adaptado á práctica deportiva
06/08/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este xoves o ximnasio municipal de Forcarei para comprobar o resultado da actuación financiada ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, un investimento de preto de 95.000 euros asumido ao 100% pola institución provincial que permitiu modernizar estas instalacións deportivas municipais.
Acompañado pola alcaldesa de Forcarei e deputada provincial de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, o presidente destacou que “non hai nada que me guste máis como presidente da Deputación que percorrer a provincia e comprobar de primeira man actuacións que melloran a calidade de vida da veciñanza”. Neste sentido, asegurou que visitas como esta permiten constatar “os froitos da colaboración entre administracións e o avance imparable de Pontevedra como provincia do deporte”.
A actuación permitiu transformar un espazo que carecía do equipamento necesario para o desenvolvemento da actividade física. O proxecto incluíu a subministración e instalación de novo material deportivo, con tres cintas de correr, bicicletas reclinadas, verticais e indoor, unha air bike, un remo ergómetro e abundante equipamento funcional, como steps, barras, discos, fitballs, mancuernas, colchonetas ou aros de pilates, entre outros elementos. Ademais, instalouse un novo pavimento deportivo formado por 150 metros cadrados de loseta de caucho, céspede artificial e unha solución adaptada para a rampla accesible, garantindo así unhas condicións óptimas de seguridade, funcionalidade e confort para os usuarios.
Durante a visita, López enmarcou este proxecto na aposta estratéxica da Deputación polo deporte. “Cando falamos da provincia do deporte non nos referimos só ás axudas aos deportistas, aos clubs ou á organización de eventos; tamén falamos de modernizar as instalacións deportivas municipais coma esta, para que a cidadanía dispoña de espazos de calidade”, sinalou. Neste sentido, lembrou que o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas suma xa tres edicións e mobilizou máis de 30 millóns de euros en colaboración cos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes para mellorar instalacións deportivas de titularidade municipal.
O presidente tamén puxo en valor o compromiso da Deputación con Forcarei, concello ao que a institución provincial destina este ano preto de 1,8 millóns de euros entre distintas liñas de cooperación. Ademais dos case 95.000 euros investidos neste ximnasio, o municipio recibe preto de 1,2 millóns de euros do Plan +Provincia 2026-2027 e outros 500.000 euros do Plan Extra para a construción dun edificio multifuncional no complexo deportivo das Maleitas.
Para rematar, Luis López reafirmou a vontade da Deputación de seguir colaborando co Concello de Forcarei para impulsar novos proxectos. “Seguimos empregando os recursos da Deputación para mellorar os equipamentos dos concellos e facer de Pontevedra a provincia do deporte”, concluíu antes de animar á veciñanza a facer uso dunhas instalacións “completamente renovadas e preparadas para fomentar hábitos de vida saudables”.
