Luis López anuncia un plan para converter Pontevedra na primeira provincia cardioprotexida de España
A Deputación incluirá 300.000 € nos orzamentos de 2027 para a instalación de desfibriladores dispoñibles as 24 horas en espazos públicos de todos os concellos e para formar o persoal de servizos como Protección Civil ou farmacias no seu uso
16/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres un plan “para converter Pontevedra na primeira provincia cardioprotexida de España”. Coincidindo coa celebración do Día Mundial sobre a Concienciación do Paro Cardíaco este 16 de outubro, Luis López informou de que “os orzamentos da Deputación para o próximo ano 2027 incluirán 300.000 euros para a instalación dun ou varios desfibriladores en espazos públicos de todos os concellos”, que estarán dispoñibles as 24 horas, e tamén “para a formación de persoal para o seu emprego”.
Tal como sinalou o presidente provincial, “se nalgunhas cidades e provincias de España xa existen este tipo de aparellos a pé de rúa, Pontevedra será a primeira provincia onde vaian estar en todos os concellos, e polo tanto a primeira provincia cardioprotexida do país”. Trátase de tótems ou estruturas verticais alimentados permanentemente por enerxía solar que estarán localizados en espazos públicos “que definirán os concellos, porque son quen mellor coñecen os lugares e as circunstancias onde poden ser necesarios”.
Neste sentido, a Deputación abrirá un prazo “para que os concellos manifesten a súa adhesión ao proxecto, que se resolverá vía convenio, pero coa garantía de que poderán contar con desfibriladores que salvan vidas”. O número de aparellos que percibirán dependerá da súa poboación. Deste xeito, os concellos de menos de 5.000 habitantes recibirán 1 desfibrilador, os concellos de entre 5.000 e 10.000 habitantes recibirán dous desfibriladores, os de entre 10.000 e 15.000 habitantes tres, os de entre 15.000 e 20.000 habitantes catro, os de máis de 20.000 habitantes seis e, no caso das cidades de Pontevedra e Vigo, 12 desfibriladores.
O presidente Luis López detallou que deses 300.000 euros un total de 260.000 € dedicaranse á adquisición dos desfibriladores, mentres que outros 35.000 euros se reservarán para formación a colectivos que poden darlle un uso preferente, como pode ser o caso do persoal de Protección Civil ou traballadores de farmacias. “Os infartos de miocardio son unha das principais causas de morte, e ter un desfibrilador preto pode salvar vidas”. Por esta razón, “estamos especialmente orgullosos de lanzar este proxecto e de camiñar para converternos na primeira provincia cardioprotexida de España”, sinalou Luis López.
