Luis López informa que a Deputación financiará o 100% da renovación do alumeado no centro e distintos barrios de Pontevedra tras un investir 2,3 M€
O presidente provincial, xunto co vicepresidente provincial Rafa Domínguez e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, comproba que o avance das obras superou xa o 50 % e que suporá unha notable redución nas emisións e na factura da luz para o Concello
07/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto co vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, veñen de comprobar este mércores o avance das obras de mellora da eficiencia enerxética e renovación do alumeado público que se están a executar no centro urbano de Pontevedra cun investimento de 2,3 millóns de euros financiado ao 100 % pola administración provincial con cargo aos convenios anuais de cooperación co Concello de Pontevedra. “Comprobamos o avance das obras dun proxecto valorado en 2,3M€ e financiado pola Deputación que vai permitir que haxa unha iluminación máis eficiente e a redución de emisións e tamén do custo da factura”, valorou o dirixente provincial na praza do Hospital provincial de Pontevedra.
Estes traballos de renovación do alumeado que afecta ao centro urbano da cidade, así como aos barrios de Valdecorvos e A Parda e á zona do nó do Pino comezaron no pasado de mes de maio. Actualmente, o grao de execución do proxecto está xa por enriba do 50 % e con esta actuación lograrase unha mellora da imaxe das rúas, un aforro enerxético e a redución da contaminación en zonas de alta densidade de poboación. Con esta obra financiada pola Deputación en colaboración co Concello complétase case ao 100 % o proxecto de renovación tecnolóxica da iluminación da cidade, despois de ter executado tamén un proxecto similar na parroquia de Lérez tamén con fondos provinciais. Segundo sinalou o rexedor, só queda por executar o casco antigo da cidade e a parroquia de Salcedo.
O presidente provincial puxo en valor a importancia da colaboración entre administracións para executar proxectos tan ambiciosos coma o que se está a realizar na cidade de Pontevedra. “Este acto destaca por moitas cousas pero non pola súa novidade. Porque é habitual a colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Deputación, é habitual a sinatura de convenios entre as dúas administracións para executar proxectos estratéxicos e tamén é habitual que deixemos as siglas políticas a un lado e traballemos polo benestar dos veciños. É o que ten que ser e vai seguir sendo por parte da Deputación”, remarcou López antes de recoñecer a “lealdade institucional” do Concello de Pontevedra e a contribución do vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, para coordinar a posta en marcha de grandes proxectos para a cidade.
