A Deputación de Pontevedra levará neste 2026 o programa +Convivencia a 250 entidades de 53 concellos da provincia

O programa ten un orzamento de 300.000 €, 25.000 € máis que no 2025, cando desfrutaron del un total de 15.000 persoas

30/04/2026

Xunta de Goberno do 30-04-2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o listado de 250 entidades sen ánimo de lucro de 53 concellos da provincia admitidas para desfrutar do programa +Convivencia, dotado este ano con 300.000 euros, 25.000 € máis que no 2025. “O noso obxectivo é estar ao carón das entidades sociais da provincia, para ofrecer a toda a nosa veciñanza oportunidades de ocio que xeran espazos de encontro e convivencia”, asegurou o presidente Luis López.

Este programa, do que o ano pasado desfrutaron 15.000 persoas de 56 concellos, busca crear espazos de participación e intercambio de experiencias, ao tempo que divulga o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia. Entre as propostas que se podían acoller ao programa figuran rutas culturais e de natureza, visitas a espazos patrimoniais e museos, actividades vinculadas ao Camiño de Santiago, festas de interese turístico ou gastronómico, así como percorridos por parques naturais, illas ou espazos protexidos. Cada actividade deberá contar con polo menos 30 persoas participantes -vinte no caso de grupos con persoas con mobilidade reducida- e poderá ser organizada pola propia entidade ou a través dunha axencia de viaxes. A Deputación financiará cun máximo de 1.200 euros por entidade gastos como transporte, entradas, guías oficiais, seguros ou restauración, dentro dos límites establecidos nas bases.

Neste 2026 participarán 250 entidades de iniciativa social e ANPAS da provincia dos concellos de Agolada, Arbo, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas de Morrazo, A Caniza, Catoira, Cerdedo Cotobade, Crecente, Cuntis, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. 

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.