A Deputación avanza no proceso para contratar a obra de mellora da accesibilidade na Vía da Prata ao seu paso por Bandeira, cun orzamento de 195.500 €
Tres empresas presentáronse ao proceso para poñer en marcha esta actuación que terá lugar na estrada provincial EP-6511 A Bandeira-Piñeiro, ao seu paso polo núcleo de Bandeira (Silleda), onde se acometerá unha senda peonil e mellorará o firme
12/12/2025
A Deputación de Pontevedra avanza no proceso para contratar a obra de mellora da accesibilidade na Vía da Prata ao seu paso por Bandeira, no Concello de Silleda, cun orzamento de 195.500 euros. En concreto, tres empresas presentáronse ao proceso para poñer en marcha esta actuación, enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística do Destino Deza-Tabeirós, cun orzamento total de 2 millóns de euros dos fondos NextGenerationEU, para executar unha senda peonil e mellorar o firme nun tramo da estrada provincial EP-6511 A Bandeira-Piñeiro ao seu paso polo núcleo da Bandeira.
A mellora da mobilidade e da seguridade desta estrada conseguirase cunha senda peonil para que as persoas que camiñan por esta vía, sexan peregrinos ou veciños da zona, poidan facelo por un espazo diferenciado, seguro e exclusivo para o seu uso. A senda situarase na marxe dereita da estrada entre a intersección coa nacional e o punto quilométrico 0+167 e contará cun ancho de 2,5 metros en formigón. Ademais, na marxe esquerda executarase un tramo de cuneta de seguridade.
A obra completarase con fresado e extensión dunha capa de rodaxe e reposición do firme nas zonas de ampliación. Ademais executarase unha rede de recollida de augas pluviais, canalizaranse as redes de baixa tensión e telefonía, renovarase a rede de alumeado con novas luminarias, reporanse muros e instalaranse elementos de calmado do tráfico e nova sinalización horizontal e vertical.
O principal obxectivo desta actuación é acadar mellores condicións de mobilidade e seguridade, cunha ruta máis segura e atractiva para o tránsito peonil, así como reducir as emisións de dióxido de carbono na vía a través da súa humanización. Nestes momentos, esta estrada conta con dous carrís de circulación, cun ancho de plataforma variable, sen beirarrúas nin beiravías e con escasa visibilidade.