A Deputación acolle un proxecto didáctico sobre o Camiño de Santiago no Museo de Pontevedra dentro do programa do Xacobeo
‘O Museo en Camiño’ levará a arte e o patrimonio do Museo a centros educativos de cinco concellos da provincia e incluirá dous obradoiros para público familiar no Edificio Castelao
05/10/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez; o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román; e África Martínez de Taller Abierto, presentaron hoxe ‘O Museo en Camiño’, un proxecto didáctico itinerante que levará a arte e o patrimonio do Museo de Pontevedra a centros educativos de cinco pequenos concellos da provincia polos que pasa o Camiño portugués a Santiago. A actividade completarase con dous obradoiros para público familiar que se desenvolverán no Edificio Castelao.
‘O Museo en Camiño’ é un proxecto desenvolvido por Taller Abierto, en colaboración co Museo de Pontevedra. Nel, unha caixa contedor con réplicas de obras destacadas da colección do Museo viaxa a cada poboación para achegar a riqueza do patrimonio a escolares de primaria. Con esa base, o equipo dinamizador do proxecto propón unha serie de actividades prácticas nas que se fomente a aprendizaxe por descubrimento e o debate establecendo un vínculo positivo coa arte e a historia.
O vicepresidente da Deputación explicou que esta iniciativa “une educación, patrimonio e Camiño de Santiago e permitirá achegar parte da colección do Museo de Pontevedra a escolares de cinco localidades polas que pasa o Camiño portugués”. Rafa Domínguez destacou que a proposta dá continuidade a anteriores edicións e que de novo “pon o foco en achegar a cultura aos máis pequenos e ás vilas por onde transcorre o Camiño”.
Pola súa parte, o comisario do Xacobeo salientou “a importancia de que os máis novos saiban o que é o Camiño e se vinculen con el”, incidindo no labor que nese sentido fan propostas como esta. “Son proxectos que poden parecer humildes, pero chegan a moitísima xente e nos permiten lograr o obxectivo de que todo o mundo se sinta partícipe do Xacobeo 2027”, sinalou Marcos Gómez Román.
Os cinco centros educativos que participan nesta terceira edición do proxecto son CPI de Progreso (Catoira) o 13 de outubro, CEIP Outeiro das Penas (Cesantes, Redondela) o 15 de outubro , CEIP Amor Ruibal (Barro) o 21 de outubro, CPI Pontecesures (Pontecesures) o 23 de outubro e CEIP de Pontesampaio (Pontesampaio, Pontevedra) o 26 de outubro. Unha selección de pezas representativas da colección do museo é a base sobre a que desenvolver unha serie de obradoiros en centros educativos para traballar por medio da expresión plástica conceptos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio material e inmaterial.
Ademais destes obradoiros haberá outros destinados a público familiar co obxectivo de favorecer o intercambio xeracional, polo que se fará unha convocatoria aberta para que nenas e nenos acudan acompañados dunha persoa adulta, destacando que este podería ser o avó ou avoa. Estas actividades desenvolveranse os sábados 31 de outubro e 14 de novembro, en ambos casos de 11:30 a 13:00 h. A inscrición ás actividades familiares no Museo ábrese o venres 16 de outubro a través do Whatsapp no número 617 340 323.
