A Deputación leva este sábado 17 de outubro a Barro un concerto de música de raíz do grupo Habelas Hainas

O espectáculo terá lugar ás 20:30 horas no Pazo da Crega e enmárcase en +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

14/10/2026

A Deputación leva este sábado 17 de outubro a Barro un concerto de música de raíz do grupo Habelas Hainas

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 17 de outubro a Barro un concerto de Habelas Hainas, enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no Pazo da Crega ás 20:30 horas.

Habelas Hainas é un grupo de música de raíz nacido en Santiago no 2010 e formado por catro músicas, que destaca por fusionar a tradición musical galega cunha perspectiva feminista e social, ofrecendo un son fresco, enérxico e con composicións orixinais.

Este espectáculo é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.