A Deputación leva ao Palacete das Mendoza a exposición “Pel e cor” de Juan Carlos Platis
A mostra, que estará dispoñible para o público entre o 9 e o 25 de outubro, propón un diálogo desde o proceso creativo entre o artista e a súa obra
04/10/2026
A Deputación de Pontevedra abre ao público o próximo venres 9 de outubro a exposición “Pel e cor”, de Juan Carlos Platis. Na mostra, que se poderá visitar na sala de exposicións do Palacete das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas) ata o 25 de outubro, Platis propón un diálogo desde o proceso creativo entre o artista e a súa obra.
Os traballos recollidos na mostra “Pel e cor” nacen da necesidade de explorar e de experimentar, do coñecemento, da paixón e da investigación noutras facetas artísticas que levaron a Platis por labirintos menos coñecidos pero apaixonantes. As obras manteñen presentes os diferentes estilos polos que pasou ao longo de todos os anos da súa carreira como artista, tras atopar a súa identidade dentro da abstracción. Para o autor, a liberdade do artista atópase no proceso, en imaxinar, probar, equivocarse, arriscarse, volver comezar e descubrir desde a independencia expresiva: un territorio no que atopar a pel do artista e a súa prolongación na obra.
A exposición “Pel e cor” poderá visitarse desde o acto de inauguración do venres e, a partir do sábado 10, no horario habitual da sede de Turismo Rías Baixas: de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas, en horario continuo, os sábados e festivos en horario partido de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e os domingos en horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas.