Os deputados provinciais Roberto Carrero e Marcos Guisasola reciben o presidente do Goberno da Rexión Autónoma do Príncipe, Filipe Nascemento

14/09/2023

Recepción do presidente da Illa do Príncipe

O deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza, Roberto Carrero, e o de Medio Ambiente, Marcos Guisasola, recibiron no Pazo provincial da Deputación de Pontevedra o presidente da Rexión Autónoma do Príncipe, Filipe Nascimento, no marco dunha visita institucional da man do Fondo de Galego de Cooperación e Solidariedade. A visita tivo como obxectivo explorar vías de cooperación entre ambas as institucións de cara aos vindeiros anos en materia ambiental.

Neste aspecto, o deputado Roberto Carrero resaltou a necesidade de construír “un futuro mellor” da man da cooperación e de desenvolver “proxectos conxuntos e de calado non só para O Príncipe ou a República de Santo Tomé, senón que sexan un espello no que o resto do continente africano poida verse reflectido”. Pola súa banda, Marcos Guisasola fixo fincapé na importancia da colaboración entre ambas as administracións “en defensa do medio ambiente, un dos grandes compromisos deste goberno”, e subliñou que “aínda que somos de continentes diferentes, temos preocupacións compartidas, coma o compromiso co medio ou a aposta polo turismo responsable e de natureza”.

Pola súa banda, o presidente da Rexión Autónoma do Príncipe destacou a relevancia da colaboración entre institucións para poñer en marcha proxectos de éxito e incidiu na necesidade de explorar novas vías de colaboración. Ademais, Nascimento aproveitou a visita para convidar a Deputación ao IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que terá lugar na illa africana no mes de outubro.

Galerias de imaxes