A Deputación de Pontevedra destina 64.000 € para dotar de equipamento audiovisual a reformada Casa da Cultura de Tomiño
Este venres aprobarase en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para esta actuación
23/06/2026
A Deputación de Pontevedra financiará con 64.000 euros a subministración de equipamento audiovisual para a Casa da Cultura de Tomiño. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres os recursos para esta actuación, enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Tomiño 2,44 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
Grazas a estes recursos provinciais o Concello de Tomiño vai instalar todo o equipamento técnico integral (son, vídeo e iluminación escénica) para acondicionar a planta baixa e o escenario do edificio tras a súa recente renovación interior e mellora enerxética. En concreto, o material divídese en sistema de vídeo e proxección (proxector, pantalla motorizada e sistema de proxección sen fíos), sistema de son (equipos de amplificación, microfonía sen fíos e control técnico de son) e iluminación escénica (sistema de alumeado técnico básico, incluíndo o control de luces e o motorizado do truss ou estrutura de soporte).
O financiamento da subministración do equipamento audiovisual para a Casa da Cultura súmase ao da actuación de rehabilitación do inmoble, que foi realidade grazas a outra achega da Deputación, concretamente do programa PON2030. O Concello de Tomiño recibiu preto dun millón de euros para converter este centro no corazón cultural de Tomiño, dotándoo dun espazo accesible, eficiente e multifuncional.